O BNG trasladou ao Pleno as irregularidades na contratación do persoal do conservatorio
Del Río: O persoal laboral temporal non pode ser descontinuo e polo tanto, cada vez que se contrata persoal laboral temporal hai que convocar un proceso selectivo público.
Por que soben as retribucións a este persoal por fóra do convenio mentres se lle recortaron ao resto do persoal laboral?
Betanzos, 27 de novembro de 2014. O BNG lamentou que toda a resposta do goberno local do PSOE diante das irregularidades na contratación do persoal do Conservatorio foi faltar ao respecto ao BNG por pedir que se cumpra a Lei. Será que o PSOE non argumento ningún con que se defender as súas actuacións desde o goberno, ironizou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas reclamaron no Pleno que o goberno local explicase por que contrata ao cadro docente do Conservatorio sen ningún proceso selectivo e que entregasen á oposición toda a documentación destas contratacións e dos acordos do goberno que as motivaron. Pedímolas hai case dúas semanas e a pesar de que nola teñen que dar en cinco días aínda agardamos por ela, explica o portavoz municipal do Bloque. Por algo será que se resisten en darnos acceso a esta documentación, ironizou.
Desde o BNG indicaron que todo o persoal laboral do Concello de Betanzos é persoal laboral temporal, agás unha praza creada como persoal laboral fixo e os que conseguiron ser recoñecidos como indefinidos por sentenza xudicial firme. O persoal laboral temporal non pode ser descontinuo e polo tanto, cada vez que se contrata persoal laboral temporal hai que convocar un proceso selectivo público, engade o edil nacionalista.
O persoal laboral temporal non pode ser descontinuo e polo tanto, cada vez que se contrata persoal laboral temporal hai que convocar un proceso selectivo público
Porén, o goberno do PSOE non convocou este proceso selectivo para as prazas do Conservatorio e a Escola Municipal de Folclore e si para outras prazas de persoal laboral temporal, como eran as do GRUMIR ou a técnica da Aula CeMIT ou para o proceso selectivo aberto estes días para unha praza de orientadora laboral. O PSOE terá que explicar por que o que é de aplicación á Aula CeMIT ou ao GRUMIR non llo aplica ao conservatorio e a escola de folclore, engade Del Río. Na Administración Pública non se lle pode reservar unha praza a ninguén nin se pode entrar sen un proceso selectivo, advirten os nacionalistas.
Se toda a explicación que pode dar o PSOE para xustificar as irregularidades na contratación do persoal do Conservatorio é que se leva facendo así desde que o centro abriu as portas desde logo é moi pobre asegura Del Río. Isto quere dicir que o PSOE recoñece que leva facendo chanchullos desde hai vinte anos e que dá por bos os que se fixeron tamén cando PP e CxB ostentaron responsabilidades de goberno ao facer que os docentes do conservatorio cobren máis que o secretario ou a interventora cunha responsabilidade moi inferior, continúa. É lóxico que toda a defensa que se lles ocorra sexa insultar e faltar ao respecto ao BNG por levar o asunto ao Pleno e denunciar as súas irregularidades, saben que a veciñanza xa non está pola labor de pechar os ollos diante das súas actuacións clientelares, indicou.
Salario por enriba do Convenio Colectivo
Ademais, insisten, o salario do persoal laboral do Concello ten que se axustar ao previsto no convenio colectivo. Resulta que o PSOE deixa fóra do ámbito de aplicación do convenio colectivo ao persoal laboral temporal do conservatorio e a escola de folclore, explican. Terán que aclarar por que soben as retribucións a este persoal por fóra do convenio mentres se lle recortaron ao resto do persoal laboral, prosegue. Isto, ademais de ser ilegal, é un agravio comparativo co resto do persoal e desde logo non é a mellor maneira de motivar aos empregados do Concello, explica o concelleiro do BNG.
Por que soben as retribucións ao persoal do Conservatorio por fóra do convenio mentres se lle recortaron ao resto do persoal laboral?
Non ten sentido pagarlle a unha empresa privada para negociar un novo convenio colectivo se o van a incumprir como están facendo co actual, criticou Del Río. O convenio regula as condicións de todos os traballadores laborais do Concello e entendemos que non se pode pagarlles a uns por horas e a outros un salario fixo mensual. Se trasladamos o salario do director do Conservatorio a 8 horas diarias cobraría menos que o secretario do Concello, concluíu.