Demandamos compromisos reais co Pasatempo ao goberno galego
“Meten a catalogación no conxelador e supedita calquera achega a ter este recoñecemento, o PP meteu o Pasatempo nun bucle do que non o quere sacar”
“No que goberno local e Xunta buscan excusas para non poñer cartos propios no Pasatempo, a área de Patrimonio da Deputación mantén o compromiso de aportar 600 000 euros para recuperar o parque”
“Meten a catalogación no conxelador e supedita calquera achega a ter este recoñecemento, o PP meteu o Pasatempo nun bucle do que non o quere sacar”
“No que goberno local e Xunta buscan excusas para non poñer cartos propios no Pasatempo, a área de Patrimonio da Deputación mantén o compromiso de aportar 600 000 euros para recuperar o parque”
Betanzos, 11 de xaneiro de 2018. O BNG lamentou a negativa do goberno galego a comprometerse na rehabilitación do Pasatempo. “A Xunta difire todo compromiso á declaración de Ben de Interese Cultural que ten paralizada” denunciou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Neste sentido, desde o BNG recordan que presentaron unha emenda ás contas da Xunta para destinar 750 000 euros este ano á rehabilitación do parque enciclopédico. “O PP pasou o rolete porque se nega a investir na recuperación do Pasatempo”, explica Del Río.
“Semella que a Xunta busca unha excusa para non investir nun patrimonio cultural único para o país como o Pasatempo”, explica. Para as nacionalistas, o feito de ter paralizada a declaración de ben de interese cultural por riba dos prazos que fixa a Lei de Patrimonio é unha mostra. “Meten a catalogación no conxelador e supedita calquera achega a ter este recoñecemento, o PP meteu o Pasatempo nun bucle do que non o quere sacar”, explican.
“A actitude da Xunta recorda un pouco a do goberno local do PSOE, que non quería catalogar como BIC o Pasatempo para poder acabar de destruir urbanisticamente o Carregal”, engaden. “Semellan que uns e outros buscan excusas para non destinar fondos propios a recuperar o parque”, lamenta Del Río.
Neste sentido, desde o BNG lamentan que o goberno local non invista un só euro na recuperación do Pasatempo. “Non só non se inviste na parte histórica do parque, senón que se van estragar 280 000 euros do plan de obras da Deputación en amañar a pasarela que está provocando fendas e inestabilidade no estanque da gruta e na gruta da Recoleta”, explican. As nacionalistas recordan que votaron en contra desta obra no Pleno logo de ter recibido información técnica de Amigos do Pasatempo sobre os desperfectos que a pasarela metálica provoca no acceso ao recinto.
A área de Patrimonio da Deputación, única cun compromiso firme para rehabilitar o Pasatempo
“No que goberno local e Xunta buscan excusas para non poñer cartos propios no Pasatempo, a área de Patrimonio da Deputación mantén o compromiso de aportar 600 000 euros para recuperar o parque”, recordan as nacionalistas, que dirixen este departamento provincial. “Vai sendo moita hora de que o goberno local estea á altura do patrimonio que Betanzos ten, que se deixe de gastar en cousas accesorias e atenda o que fai única e diferente a nosa cidade”, conclúe Del Río.