Demandamos a cobertura dunha baixa na escola infantil de San Francisco
“Segundo informa a CIG do Concello de Betanzos, en decembro finaliza un contrato por acumulación de tarefas na Escola Infantil Municipal e o compromiso do goberno local era ter cuberto sempre ese posto baixo esa figura, por tanto deberían telo previsto”
“Segundo informa a CIG do Concello de Betanzos, en decembro finaliza un contrato por acumulación de tarefas na Escola Infantil Municipal e o compromiso do goberno local era ter cuberto sempre ese posto baixo esa figura, por tanto deberían telo previsto”
Betanzos, 7 de decembro de 2017. O BNG demandou no Pleno a cobertura dunha praza na escola infantil municipal. “Segundo informa a CIG do Concello de Betanzos, en decembro finaliza un contrato por acumulación de tarefas na Escola Infantil Municipal e o compromiso do goberno local era ter cuberto sempre ese posto baixo esa figura, por tanto deberían telo previsto” indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Descoñecemos cales son os plans do goberno local para manter cuberta esta praza” indican.
As nacionalistas engaden que “o persoal ten solicitados permisos para decembro e agardamos que, como sucedeu outros anos, non se lles neguen pola falta de previsión do goberno”. Neste sentido, advirten que “ao persoal véñenselle modificando os horarios vulnerando así os dereitos do persoal xa que se modifican as condicións de traballo sen que conste en documento ningún”.
Por este motivo, demandaron ao executivo local que cubra a partir de decembro a praza que queda vacante e que busque unha solución permanente aos problemas periódicos de falta de persoal na escola infantil municipal de San Francisco.
“Se todos os anos estamos igual, será porque, no fondo, ao goberno local non lle preocupa a gravidade desta situación"
Desde o BNG recordan que en outono de 2016 a escola infantil quedou sen persoal suficiente para atender a todas as crianzas matriculadas a causa da falta de previsión do executivo local. Desde outubro de 2016 até abril de 2017 o centro escolar estivo funcionando sen o persoal necesario porque o goberno local demorou a contratación de persoal, rexeitando utilizar a figura da acumulación de tarefas que o BNG propuxo como solución inmediata no que se ían elaborando unhas novas listas de substitución que só estiveron listas para usarse desde o 19 de abril deste ano.
“Agora, polo que se ve, o problema repítese ao non ter previsto cubrir un contrato destes de substitución de tarefas que se acaba”, censuran desde o BNG. “A escola infantil municipal leva anos con problemas deste tipo, cargando de horas extra ao persoal que queda para suplir as faltas nun servizo onde a carga de horas pode ser esgotadora debido ao tipo de traballo”, advirte Del Río. “Parécenos inadmisíbel pedirlle ou forzar ao persoal, aínda encima, a renunciar a dereitos como días libres pedidos en tempo e forma para manter o servizo nas condicións que procede”, engade.
“Se todos os anos estamos igual, será porque, no fondo, ao goberno local non lle preocupa a gravidade desta situación e as consecuencias que dela poidan derivar”, lamentan as nacionalistas.