O BNG-Asembleas Abertas volve a pedir a cobertura de baixas na escola infantil
O pasado día 20 o goberno anunciou nos medios de comunicación a contratación inmediata de persoal, cando xa rematara o proceso para a elaboración das novas listas de substitución, mais a realidade é que aínda a día de hoxe seguen sen contratar persoal
Betanzos, 1 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas reiterou, de novo, no Pleno a necesidade de cubrir as baixas na escola infantil municipal. Desde o pasado mes de setembro a escola infantil municipal padece unha importante carencia de persoal, explicou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. O edil nacionalista recordou que o seu grupo ven denunciado esta situación desde entón, pleno tras pleno.
Hai dúas semanas a situación agravouse aínda máis, se cabe, ao producirse outra baixa máis, que obrigou á escola a funcionar cun cadro de persoal moi minguado: agora mesmo a escola infantil conta con dúas persoas menos das que debera, indicou o voceiro nacionalista. Desde o BNG-Asembleas Abertas cuestionan que o pasado día 20 o goberno anunciase nos medios de comunicación a contratación inmediata de persoal, cando xa rematara o proceso para a elaboración das novas listas de substitución. Porén, a realidade é que aínda a día de hoxe seguen sen contratar persoal, lamentou Del Río.
Non entendemos porque o goberno local minte á veciñanza dicindo que se van cubrir as baixas inmediatamente e unha semana despois segue sen contratar persoal, criticou o portavoz do BNG-Asembleas Abertas. Esta situación provoca un prexuízo para as menores escolarizadas e para o persoal que traballa no centro, ademais de expoñer ao Concello a unha sanción da Xunta por incumprir a normativa no tocante ao número de alumnas por docente, advertiu.
Servizo de limpeza
O BNG-Asembleas Abertas denunciou que tampouco contrataron persoal para o servizo de limpeza municipal como anunciaron no mesmo comunicado. Manteñen o servizo parcialmente privatizado, a pesar do acordo plenario do mes de setembro de contratar persoal e manter a xestión pública do servizo, informou Del Río, a metade do Vales, o aulario e todos os edificios municipais estanse limpando a través dunha empresa privada.