O BNG demanda no Pleno o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais
Insistimos en que se modifique o regulamento da escola infantil municipal para garantir cando menos un terzo da docencia en galego
Betanzos, 23 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas celebra que o Pleno aprobase a moción para demandar á Xunta o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais. A iniciativa, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e subscrita pola grande maioría de partidos do país agás PP e Podemos, presentouse a raíz do informe do Consello de expertos de Bruxelas, que por segunda vez saca as cores ao goberno de Núñez Feijóo polos seus incumprimentos en materia lingüística.
Pídese na proposta que se elabore un novo decreto para o uso do galego e que se proceda a derrogar o actual. Ademais, a moción aprobada solicita que, mentres non se elabora o novo decreto, a Xunta modifique o actual derrogando os artigos que poñen límites ao uso do galego nas aulas, como as porcentaxes máximas de materias a impartir en galego nos centros e a prohibición de impartir na nosa lingua as materias científico-técnicas ou matemáticas, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Esta moción promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística foi subscrita, entre outros polo PSOE. Sen embargo, desde o BNG-Asembleas Abertas veñen denunciando desde hai un ano que o novo regulamento da escola infantil municipal, redactado e aprobado polo actual goberno do PSOE, calca punto por punto o decreto do PP.
Desta forma, explica Del Río, o PSOE é capaz de criticar en Santiago a política lingüística do PP e apoiar esta moción e ao tempo en Betanzos fai exactamente o mesmo que cuestiona na capital do país. Por este motivo, e novamente, o BNG-Asembleas Abertas pedirá que se modifique o regulamento do centro educativo municipal para permitir a docencia en galego actualmente excluída porque o goberno do PSOE calca a política lingüística que o seu partido critica ao PP na Xunta.
Hai un informe que o goberno local pediu en setembro, cando presentamos este asunto a última vez, que recoñece que o Concello de Betanzos está incumprindo a Carta Europea de Linguas Rexionais, relata Del Río. O que non sabemos é para que enreda o PSOE pedindo informes aquí e alá se logo pasa olimpicamente do que poñen estes informes se non é do seu agrado, engade.
Encántanos que o goberno local asumise a nosa proposta de conmemorar o Día de Rosalía, mais non se pode homenaxear á nosa poeta nacional impedindo a docencia na lingua que ella dignificou nos centros educativos municipais, ironiza.