O BNG-Asembleas Abertas insiste en contratar urxentemente persoal para a escola infantil municipal
Del Río: O goberno non quixo cubrir as baixas coas listas de substitución que había porque segundo o secretario estaban caducadas e agora que xa ten unhas novas listas de substitución non sabemos por que non contrata persoal
Betanzos, 14 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas insistiu ao goberno local que solucione de inmediato a falta de persoal da escola infantil municipal, agravada cunha nova baixa laboral desde a pasada semana. Non quixeron cubrir as baixas coas listas de substitución que había porque segundo o secretario estaban caducadas e agora que xa teñen unhas novas listas de substitución non sabemos por que non contratan persoal, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Non só non se soluciona a situación senón que se permite que vaia aínda a peor, se é que era posíbel, lamenta o edil do BNG-Asembleas Abertas. As nacionalistas recordan que levan desde o mes de setembro poñendo unha solución provisoria á falta de persoal da escola de San Francisco, infructuosamente. Con excusas e sen atender á prioridade, que é o alumnado do centro, o PSOE non colle a proposta que lle damos, porque a fai o BNG, pero tampouco busca outra alternativa, reitera.
Para o goberno local semella que hai outras cousas por riba do benestar das meniñas que acuden á escola infantil muncipal
Neste sentido, recordan que unha inspección do servizo de menores da Xunta advertía ao executivo local o pasado mes de que se estaban sobrepasando os topes máximos de alumnado por aula que establece a lei. Ademais, requerían ao Concello que solucionase outros problemas relativos ao estado das dependencias do centro educativo. Para o goberno local semella que hai outras cousas por riba do benestar das meniñas que acuden á escola infantil muncipal, engade.
Por este motivo, desde o BNG-Asembleas Abertas demandan ao goberno local que recapacite e que usando as listas que acaba de formar solucione esta mesma semana o problema que eles mesmos crearon por negarse a cubrir as baixas. Teñen que antepoñer o alumnado e a calidade dun servizo tan específico como este ao resto de excusas que levan usando desde setembro, conclúen.
A mesma situación dáse no servizo de limpeza
Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten de que a mesma situación que na escola infantil dáse tamén no servizo de limpeza. A diferenza é que neste servizo hai unha empresa privada contratada en non sabemos que condicións, mentres que manteñen a escola infantil sen persoal incumprindo a lei, explica Del Río.