O BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno unha solución para a escola infantil municipal
Pedímoslle ao goberno local do PSOE que rectifique a súa negativa dos últimos dous meses, que sexa responsábel e non rexeite esta solución só porque a propón o BNG-Asembleas Abertas, que pensen no persoal ao que exixe xornadas de máis de dez horas e que pense nas crianzas que acuden a diario a San Francisco
Betanzos, 20 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas pedirá outra vez no Pleno que se cubran de inmediato as baixas na escola infantil municipal. A Inspección de Menores acaba de exixirlle ao goberno local que tome as medidas necesarias para restablecer o número legal de alumnado por aula e docente, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Ningunha disposición legal impide cubrir as baixas con contratos laborais de carácter temporal, acotando a súa duración á resolución definitiva do proceso selectivo actualmente en marcha, advirten as nacionalistas. Esta medida provisoria permitiría cubrir con carácter provisorio e urxente as baixas actualmente existentes na escola infantil e prestar o servizo cos mínimos de calidade que a lexislación establece.
Estamos poñendo enriba da mesa unha solución á situación excepcional que atravesa a escola infantil municipal e pedímoslle ao goberno local do PSOE que rectifique a súa negativa dos últimos dous meses relata Del Río. Pedímoslle ao PSOE que sexa responsábel e non rexeite esta solución só porque a propón o BNG-Asembleas Abertas, que pensen no persoal ao que exixe xornadas de máis de dez horas e que pense nas crianzas que acuden a diario a San Francisco, engade.
Sabemos que hai queixas e reclamacións de pais e nais pola situación límite que atravesa a escola infantil, explicou a nacionalista María Bonome. Desde o BNG-Asembleas Abertas, que mantiveron onte unha xuntanza con persoal da escola infantil, aseguran que o goberno local non pode ignorar as demandas dos pais e nais e facer como se non existisen.
Mesmo hai proxenitores que pediron ampliar horario de escolarización dos seus fillos e non se lles concede porque non hai persoal abondo, relatan. Indican que mantendo esta situación o goberno local do PSOE complica a conciliación da vida persoal e familiar á veciñanza.