O Consello Local escribe sobre a proposta dun banco de terras municipais
"A proposta foi aprobada polo Pleno. Agora é o momento de que o goberno do PSOE cumpra coa súa parte e desbroce estas terras e presente o regulamento destas cesións. Ou, coma sempre, deixe que o acordo apodreza nun caixón sen levarse adiante".
Betanzos, 12 de decembro de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo do Consello Local do BNG sobre a nosa moción para ceder as parcelas sen traballar do Concello a desempregados. Polo seu interese, a seguir ven reproducido de xeito íntegro.
É mellor aprender a pescar que regalar o peixe
A crise económica está creando unha situación socialmente complicada. Moitos veciños e veciñas teñen graves problemas para vivir con dignidade: o crecente desemprego- a nosa cidade ostenta o dubidoso récord de desemprego na comarca-, os recortes nos servizos públicos, as subas de impostos e o deterioro das condicións laborais teñen provocado un incremento importante do número de persoas que precisan axuda mesmo para comer.
Diante desta situación, a obriga dos poderes públicos é actuar, e ademais hai marxe de manobra para facer a crise máis levadeira para os nosos conveciños. O BNG empeñou a súa palabra en maio de 2011 en poñer o Concello en primeira liña do combate contra a crise, na creación de riqueza e benestar e facemos cada Pleno propostas neste sentido. É o caso da cesión de parcelas municipais sen cultivar que levamos ao último.
O Concello de Betanzos adquiriu, hai unha década, varios milleiros de metros cadrados de solo na parroquia de Tiobre, coa intención de construír un macrocomplexo deportivo que nunca se chegou a executar. O resultado de frustrarse semellante proxecto faraónico do PSOE é que o Concello ten unha cantidade importante de terra sen labrar, a monte- ao que se lle poden sumar parcelas a monte noutras partes do municipio.
A maiores, o centro de formación ocupacional municipal- que o goberno local do PSOE pretende desmantelar recolocando aos seus traballadores malia o acordo en contra do Pleno- conta entre o seu cadro de persoal cun monitor de xardinería.
Por todo isto, no BNG consideramos que o Concello debera combinar todos estes medios para ofrecer unha alternativa para a veciñanza, de forma que se poñan a disposición dos veciños que o soliciten unha porción destas terras (as das Minas en Tiobre, salvando a parte que foi vertedoiro e o humidal, ou calquera outras) de forma que poidan producir alimentos. En todo caso, a propiedade destes terreos deberá seguir sendo municipal, de forma que se cedera o seu uso por un espazo limitado de tempo, priorizando na concesión destas parcelas ás persoas desempregadas, con empregos moi precarios e mal remunerados ou familias pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.
A estas persoas o Concello ofrecería unha formación específica no centro de formación ocupacional municipal con cursos relacionados con técnicas de produción agrícola, especialmente con cultivos ecolóxicos, e obradoiros de autoemprego e emprendemento no sector primario. Isto sen desbotar que, desde Promoción Económica se poida estudar igualmente a constitución dunha cooperativa por parte destes usuarios a fin de comercializar os seus excedentes.
A proposta foi aprobada polo Pleno. Agora é o momento de que o goberno do PSOE cumpra coa súa parte e desbroce estas terras e presente o regulamento destas cesións. Ou, coma sempre, deixe que o acordo apodreza nun caixón sen levarse adiante.