O Consello Local analiza os orzamentos do Estado e as emendas do BNG
"Repítese unha cantidade ridícula para facer outra circunvalación, que Fomento recoñece que non é imprescindíbel. Ocorrencias electoralistas coma este vial ou o que demandou o goberno local do PSOE chegan a ser unha inmoralidade nos tempos que corren, aínda no suposto de que se foran a executar, cousa pouco probábel. Pola contra, non hai nada para mellorar a seguridade viaria nas N-VI e N-651, que atravesan núcleos moi poboados en varios concellos da comarca".
Betanzos, 9 de maio de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo do Consello Local do BNG no que analizamos os orzamentos do Estado e o seu significado para Betanzos, ademais de repasar algunhas das emendas que presentamos. Polo seu interese publicámolo a seguir de xeito íntegro.
Os orzamentos do PP traerán máis crise e desemprego e menos Estado do Benestar
Os orzamentos do estado traerán máis crise, máis desemprego e menos recursos para a educación, a sanidade e os servizos sociais. O goberno do PP recorta 1.500 millóns de euros os fondos para cursos de formación e para orientar na busca de emprego de forma que o paro seguirá aumentando.
O BNG pediu un millón para empezar xa a recuperación da ría
Os recortes do PP non afectan a todas as áreas por igual, senón que desmontan o Estado do Benestar coa escusa da crise. Educación terá 623 millóns menos: perderanse 2.000 postos de traballo, suprimiranse unidades, subirá o número de alumnos/as por aula e, polo tanto, o aumento do fracaso escolar. Estas reducións traen tamén como consecuencia unha importante suba na matricula das universidades publicas. En sanidade dáse unha rebaixa de 365 millóns de euros para o ano 2012. Os pensionistas e os traballadores van pagar polos medicamentos. En servizos sociais prevense 283 millóns menos en dependencia. Sinálase un recorte de 50 millóns de euros nos servizos sociais municipais, a pesar de que se incrementou o número de beneficiarios nestes anos.
Pola contra, a Igrexa Católica continuará a recibir os mesmos 5.700 millóns de euros durante o ano 2012, a Casa Real só reduce o orzamento nun 2% e o Ministerio de Defensa unicamente rebaixa un 8%. Queda en evidencia que o PP prefire deixar sen dereitos ás maiorías sociais mentres mantén os privilexios para unha elite.
Pero os recortes tamén afectan directamente Betanzos. Repítese unha cantidade ridícula para facer outra circunvalación, que Fomento recoñece que non é imprescindíbel. Ocorrencias electoralistas coma este vial ou o que demandou o goberno local do PSOE chegan a ser unha inmoralidade nos tempos que corren, aínda no suposto de que se foran a executar, cousa pouco probábel. Pola contra, non hai nada para mellorar a seguridade viaria nas N-VI e N-651, que atravesan núcleos moi poboados en varios concellos da comarca.
Os recortes de Rajoy afectan á rehabilitación do Casco Histórico
O BNG alégrase de que por fin se incluíse unha partida para sanear a ría de Betanzos, como levamos anos propoñendo, e esperamos que non quede só en propaganda, máis por outra parte, recórtanse os fondos para a rehabilitación de vivenda, o que afecta moi negativamente ao Casco Histórico.
Por estes motivos, o BNG votou contra estes orzamentos no Congreso e presentou 177 emendas para garantir os servizos ás maiorías sociais: un fondo adicional para concellos de menos de 20 000 habitantes, mantemento das achegas do Estado para becas, así como axudas a libros de texto, programa de incentivos a PEMES, manter as dotacións do Plan concertado de servizos sociais e das axudas a dependentes, creación dun imposto sobre grandes fortunas e reforma progresiva do IRPF, tipo impositivo agravado para empresas que superen 100 millóns de beneficio,... Hai outro camiño para saír da crise distinto ao elixido por PSOE e PP e o BNG está a demostralo!