O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE

Amelia Sánchez é a voceira do BNG en Betanzos
Amelia Sánchez é a voceira do BNG en Betanzos

“Non hai crédito nin para amañar nin manter o edificio sindical, tampouco para a casa Gótica, nin para o centro de día que acaban de anunciar... No BNG non imos contribuír a enganar á veciñanza con promesas que despois non se reflicten no orzamento municipal”

O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE

Betanzos, 13 de febreiro de 2023.- O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE. “Trátase dunha proposta de orzamento irreal, que prevé baixar o gasto corrente un 7%, cando este ano se prevé unha subida do IPC doutro 7%, o cal quere dicir que pretenden reducir o gasto efectivo un 14% con respecto ao ano anterior. É obvio que non é real esta redución e de feito a propia alcaldesa admite na súa memoria que non van chegar estas partidas e que se van incrementar co remanente do orzamento anterior”, explica a portavoz e candidata do BNG á alcaldía, Amelia Sánchez. “Para poder apoiar o orzamento polo menos teremos que coñecer as previsións reais de gasto”, engadiu. 

A nacionalista explicou que a subida en investimento que tanto publicitou o goberno local é o millón e medio de euros do proxecto de reforma do mercado. “O goberno local vende como un logro o aumento do investimento, cando en realidade trátase só do proxecto de reforma do mercado municipal”, indicou a nacionalista. 

Ademais no orzamento non se reserva crédito para os múltiples anuncios do goberno local dos últimos meses, nin sequera se citan na memoria da alcaldesa. “Non hai crédito nin para amañar nin manter o edificio sindical, nada tampouco para a casa Gótica, nin para o centro de día que acaban de anunciar... No BNG non imos contribuír a enganar á veciñanza con promesas que despois non se reflicten no orzamento municipal”, criticou Sánchez. 

As nacionalistas explicaron ademais que o goberno local do PSOE non tivo en conta no orzamento ningunha das súas propostas, que presentaron hai meses, como a rehabilitación da Casa Gótica e da Fábrica da Luz para destinalas a equipamentos socioculturais, un plan de investimento nos parques infantís ou unha mellora das zonas degradadas como o cemiterio municipal, a praza de Dona Águeda ou o Rego de Caraña. Sen esquecerse da zona rural do concello, con melloras nalgúns dos núcleos rurais betanceiros.

Gasto protocolario e propaganda

O orzamento municipal recolle de novo máis de 75 mil euros para gasto protocolario e máis de 25 mil para publicidade e propaganda. “Levamos anos insistindo na necesidade de reducir estes gastos superfluos, que ademais se comprobamos coa conta xeral son máis do dobre do que reservan nos orzamentos ano tras ano”, engadiu Amelia Sánchez. 

Incremento do gasto en subvencións nominativas

Desde o BNG criticaron tamén que o goberno local siga incrementando o gasto en subvencións “a dedo” mentres as subvencións en concorrencia supoñen unha mínima parte da política de subvencións do goberno municipal. 

O BNG vota en contra da proposta de orzamento do goberno local do PSOE