O BNG volve insistir en que se repoña o banco arredor do magnolio centenario da praza de Lanzós
Os nacionalistas demandan ao goberno local que preste un pouco de atención, cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello
Hai un ano presentouse unha iniciativa igual e o goberno do PSOE respondera que en breve se repoñería, vai un ano aló e nada.
Betanzos, 14 de novembro de 2014. O BNG demandou novamente no Pleno que o goberno local repoña o banco arredor do magnolio centenario na praza de Lanzós. Hai xustamente un ano trouxemos unha iniciativa neste sentido, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, respondéusenos que se repoñería á menor brevidade mais vai un ano aló e nada.
Os nacionalistas entenden que ademais da cuestión estética, o banco protexía tamén esta árbore centenaria. Na nosa opinión o que había que facer na praza de Lanzós era rematar o pavimento de cantería en torno á árbore, vernizar o banco circular de madeira e poñer algunha planta rastreira para evitar que a terra seguise solta e darlle humidade ás raíces do magnolio, indican. Os nacionalistas consideran que deste xeito, mantíñase a personalidade da praza e garantíase o coidado da árbore.
Os nacionalistas demandan ao goberno local que preste un pouco de atención, cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello
No seu momento, desde o BNG cuestionaron que o goberno local do PSOE cambiase o banco circular de madeira por catro bancos de forxa comprados a propósito para substituílo. Gastaron cartos de todas e todos en poñer os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos, lembra o voceiro do BNG, Henrique del Río. E desde entón a praza está sen nada e a árbore exposta aos golpes dos coches que aparcan por alí, engade. A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza, ironiza.
Desde o BNG reclaman ao goberno local que solucione a situación que provocou na praza de Lanzós. Ou pretenden que a xente sente no chan?, ironizan. O necesario era amañar o chan baixo o magnolio e curiosamente ningunha das veces que o PSOE modificou a praza o fixo, indica Del Río. Que repoñan o banco de madeira, os metálicos ou o que queiran, pero agora a praza é unha lameira, conclúe o voceiro nacionalista.
Coidados específicos para o magnolio centenario
Ademais de protexer a árbore co banco, os nacionalistas demandaron ao goberno local que preste un pouco de atención, cunha revisión e as atencións necesarias, a unha das escasas árbores centenarias que temos no concello. Neste sentido, engaden, semella que a árbore precisa unha poda de formación para que recupere a silueta e algúns outros tratamentos para garantir a súa saúde. Esta árbore é xa un símbolo do Casco Histórico e non pode ser que por desidia acabemos quedando sen ela, apuntan.