O BNG denuncia que o proxecto de Plan Xeral do PSOE non prevé solo para outro colexio
Co cine baleiro e sen equipar e coa aula de cultura usada de media un día á semana dubidamos que investir nun auditorio para telo pechado sexa unha necesidade
Para o PSOE a rehabilitación do Casco non é unha prioridade, só o usa para notas de prensa contra a Xunta. Demostrao este plan xeral, pero tamén un orzamento municipal que non destina un euro a rehabilitación nin a investimentos na zona histórica
Betanzos, 12 de novembro de 2014. O BNG cuestionou que o Plan Xeral redactado polo goberno local do PSOE non prevea terreos para construír un novo colexio. É un tanto incoherente que o PSOE presente mocións denunciando a masificación do único colexio público do concello e que cando planifica o desenvolvemento urbanístico do futuro non inclúa terreo para outro colexio, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Tan só se deseñan unhas cesións para facer regulares as parcelas do actual colexio e o instituto Francisco Aguiar, pero non se destina solo a un novo colexio, prosegue. Isto quere dicir que ou ben o PSOE pretende levantar máis edificios na parcela do actual CEIP Vales Villamarín ou pretende masificalo novamente xa que di que imos medrar até os 16 278 veciñas, relata.
Os nacionalistas advirten que, sen embargo, o proxecto de Plan Xeral remitido polo goberno do PSOE si prevé solo dotacional para un auditorio. O BNG estima que non é necesario construír un auditorio no Frade. O Concello ten infinidade de salas culturais e equipamentos sen uso, advirten.
Desde o BNG insisten en que co cine baleiro e sen equipar e coa aula de cultura usada de media un día á semana dubidamos que investir noutro edificio para telo pechado sexa unha necesidade. Lamentan que o proxecto do PSOE sexa facer, ademais, un edificio emblemático para este auditorio continuando a desastrosa liña de todos eses grandes complexos culturais suntuarios que agora languidecen porque son imposíbeis de manter.
Co cine baleiro e sen equipar e coa aula de cultura usada de media un día á semana dubidamos que investir nun auditorio para telo pechado sexa unha necesidade
Cada mes e medio hai unha obra de teatro no Liceo e calquera que vaia pode confirmar que a aula de cultura abonda, non ten xustificación facer outro edificio para que toque a Banda unha vez cada tres meses e logo estea baleiro e xenerando custos, aseguran.
O BNG foi moi crítico no seu día coa concentración de todos os equipamentos deportivos, educativos, de lecer e mesmo comerciais na zona do Carregal. Por este motivo, entenden que construír este novo auditorio no Frade continúa esta liña en detrimento de todos os demais barrios da cidade e singularmente en contra do Casco Histórico.
Levando servizos e equipamentos a outras zonas e alentando a nova construción en lugar da rehabilitación de vivenda o PSOE está fomentando que a xente se traslade a zonas novas e polo tanto o Casco Histórico seguirá o seu declive, lamenta Del Río. Neste sentido, cuestionan que todo canto fala o proxecto do Plan Xeral sobre o Casco Histórico é un artigo para remitir a un plan especial de protección.
Os novos equipamentos previstos no Plan Xeral son desprazados á zona nova, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG denuncian o baleirado contínuo e constante de equipamentos e servizos da zona monumental. Por dicilo graficamente, o PSOE levou o Concello ao Campo, o PP desprazou servizos sociais ás Escolas do Asilo e agora o novo equipamento cultural colócase a carón do Pasatempo, resumiu o edil nacionalista.
Para o PSOE a rehabilitación do Casco non é unha prioridade, só o usa para notas de prensa contra a Xunta. Demostrao este plan xeral, pero tamén un orzamento municipal que non destina un euro a rehabilitación nin a investimentos na zona histórica
Para o PSOE a rehabilitación do Casco non é unha prioridade, só o usa para notas de prensa contra a Xunta denuncia Del Río. Non o dicimos por capricho, os seus feitos falan sós e demóstrao este plan xeral, pero tamén un orzamento municipal que non destina un euro a rehabilitación nin a investimentos na zona histórica, conclúe.
Transparencia para deseñar o Betanzos dos próximos 20 anos
O BNG insistiu en exixir ao goberno local que explique o proxecto do Plan Xeral á veciñanza e que o faga público. As escusas dadas polo alcalde en prensa para manter o secretismo en torno ao Plan Xeral sonan a despotismo ilustrado, todo para o pobo pero sen o pobo asegurou Del Río.
O edil nacionalista insiste en que a propia Lei do Solo permite publicar o Plan Xeral neste momento na web municipal e se o PSOE non o fai será por algo. Nós cremos que a xente ten dereito a coñecer o modelo de cidade que propón o goberno e a opinar sobre como quere que sexa o Betanzos dos próximos 20 anos, insiste.
Ademais, o voceiro do BNG indicou que as escusas do alcalde dicindo que non o publica para non xerar expectativas que se poden frustrar son lamentábeis. Non tivo tanto reparo en anunciar plans de emprego para 200 veciños, a fin das enchentes na Ribeira ou o amaño do conflito urbanístico de Mandeo 50 a pesar de que creou unhas expectativas que nunca a nada chegaron, conclúe.