O BNG e os veciños presentarán alegacións contra a gasolinera da Madalena
“Entendemos que o deber dos representantes políticos é informar á veciñanza e lamentamos que o goberno do PSOE dea a calada por resposta”
“Entendemos que o deber dos representantes políticos é informar á veciñanza e lamentamos que o goberno do PSOE dea a calada por resposta”
Betanzos, 5 de outubro de 2011. O BNG celebrou onte un concorrido acto público para informar sobre o procedemento que ten que seguir a solicitude de instalación de unha gasolineira nas inmediacións do colexio público Vales Villamarín. A asemblea informativa tivo lugar no local da CIG no edificio dos sindicatos e contou coa participación do avogado do BNG Gonzalo Castro.
Na presentación do acto, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, explicou que o BNG levou ao último Pleno unha pregunta sobre a posibel instalación da gasolinera logo de que veciños e membros da comunidade escolar trasladasen a súa inquedanza por este feito. O voceiro nacionalista indicou que o alcalde non respondeu á pregunta do BNG a pesar de que ao día seguinte o BOP abría o prazo de alegacións fronte á instalación da gasolineira ao publicar unha resolución que o alcalde firmara o pasado 19 de setembro. “Entendemos que o deber dos representantes políticos é informar á veciñanza e lamentamos que o goberno do PSOE dea a calada por resposta”, indicou.
Pola súa parte, Gonzalo Castro explicou o procedemento que ten que seguir a solicitude e os prazos que rixen para cada trámite. Ademais, indicou que existen precedentes alentadores xa que a presión veciñal conseguiu parar a instalación dunha gasolineira a carón da zona escolar en Ames. Neste sentido, indicou que “é importante presentar moitas alegacións” para deixar claro “o rexeitamento a esta instalación”. Ademais, o avogado do BNG atendeu e respondeu as numerosas cuestións e inquedanzas que puxeron enriba da mesa os asistentes.
O BNG púxose á disposición de todos os veciños para resolver as súas dúbidas en relación con este tema, os martes e os mércores no local do BNG de 18:00 a 20:00.