O BNG pide que se rehabilite a fonte dos Cabalos e se protexa o conxunto de acceso á Feira Nova
Suxiren sinalizar antes da ponte do Carregal que o paso non é apto para vehículos de gran tamaño a fin de evitar máis danos no conxunto. Un ben coma este, unha fonte neoclásica de 150 anos, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos
Betanzos 10 de xuño de 2016. O BNG pediu no Pleno que se rehabilite e poña en valor a Fonte dos Cabalos, no acceso á Feira Nova desde o Campo. É una fonte que, xunto cos muros de perpiaño que a rodean, foi construída á par que a do Campo e que o campo da Feira Nova, actual praza de Afonso IX, en 1866, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas lamentan que malia ser una construción que ronda os 150 anos e que polo tanto é susceptíbel de ser un ben patrimonial inventariado, carece de calquera tipo de protección. Aínda a peor, advirten que o executivo local a mantén rodeada de colectores de lixo e vehículos mal estacionados, mesmo coa propia fonte convertida en papeleira.
Un ben deste tipo, conservado debidamente, aportaría ao seu entorno moito máis que o estacionamento indebido que o goberno do PSOE tolera nesa zona para perigo de peóns e vehículos explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Por este motivo, demandaron no Pleno que se rehabilite e poña en valor esta fonte de traza neoclásica de 1866.
Ademais, desde o BNG preguntaron ao goberno local polo motivo polo que non se executou o proxecto para recuperar a fonte dos cabalos que segundo o web municipal existe no Concello desde 2011.
Melloras na seguridade viaria na zona
Os muros que rodean a fonte, da mesma época e autoría, foron parcialmente derrubados por dous vehículos de grandes dimensións que bateron neles nas últimas semanas. Por este motivo, o BNG tamén demandou do PSOE que aclare concretamente cal é a `reestruturación que van levar nesta zona, segundo anunciaron nos medios de comunicación e se esta vai afectar á traza orixinal do acceso ao campo da Feira Nova.
Neste sentido, as nacionalistas propuxeron ao goberno local que sinalice ao longo da avenida do Carregal o desvío para vehículos pesados para evitar que acaben neste punto por seguir un GPS e non advertir deste estreitamento. O conxunto da fonte dos cabalos e o acceso á feira nova é un elemento singular na nosa cidade e sería unha magoa que desaparecese ou fose parcialmente derrubado explican.