O BNG exixe ao goberno local que actúe ante a alarmante subida do desemprego

O BNG exixe ao goberno local que actúe ante a alarmante subida do desemprego

Del Río: “Diante dun incremento alarmante do paro a preocupación do goberno local do PSOE é a festa da tortilla”.

Betanzos, 9 de outubro de 2012. O BNG exixiu ao goberno local do PSOE un “cambio de prioridades e que actúe ante a alarmante subida do desemprego”. Segundo o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “a sangría do paro afecta xa a 1207 veciños e veciñas, con nomes e apelidos, mentres o alcalde e o seu goberno miran para outro lado”. O voceiro do BNG indicou que “en setembro de 2011 había 1005 persoas desempregadas en Betanzos, así que hai un incremento dun 19,74% nun ano”. “Betanzos lidera a destrución de emprego na nosa comarca”, advirten desde o BNG.

“Diante dun incremento alarmante do paro a preocupación do goberno local do PSOE é a festa da tortilla”, reprochou o voceiro nacionalista e candidato ao Parlamento Galego. “En máis dun ano, o goberno local do PSOE foi incapaz de adoptar a primeira medida de estímulo da economía betanceira ou de facer investimentos estratéxicos para crear emprego”, denuncia.

“Falamos de que nunha cidade que non chega aos 14 000 veciños, máis de 1200 deles non teñen emprego”, insiste o nacionalista para reclamar ao goberno local “que poña a funcionar o centro de formación municipal de Bellavista para ofrecer alternativas á xente”. “A deixadez do goberno do PSOE e a súa falta de medidas concretas fronte ao peor problema que padecen os betanceiros e betanceiras traduciuse nun agravamento maior da sangría do paro”, salienta.

Neste sentido, os nacionalistas aseguran que “nos orzamentos municipais o PSOE esqueceu as políticas activas de emprego, a formación para os desempregados e o impulso efectivo ao pequeno comercio e os resultados desta política están ben á vista”. Del Río refírese á renuncia do goberno local a apostar pola promoción do emprego “o PSOE renunciou a que os orzamentos fosen un instrumento para combater o desemprego”.

“Para defender o despropósito, o alcalde do PSOE chegou a afirmar que o gasto en festas era un investimento que dinamizaba a economía local”, lamenta o voceiro do BNG, que recorda que “nós defendemos fronte a esa idea limitada de mover a economía un día levar adiante investimentos estratéxicos que a dinamicen todo o ano”.

O PSOE crea falsas expectativas co reiterado anuncio dunha escola-obradoiro

O BNG cuestionou no Pleno o enésimo anuncio dunha escola-obradoiro para o Lavadoiro das Cascas por parte do goberno local. “Non é a primeira vez que o goberno local publicita este plan de recuperación do lavadoiro e a citada petición á Consellería”, advertiron os nacionalistas, que interpelaron ao executivo do PSOE para coñecer se “hai algo novo sobre o tema de recuperación do lavadoiro ou é outro plan con fins publicitarios sen nada detrás?”.

Desde o BNG denuncian que as anteriores veces que o goberno do PSOE publicitou a solicitude desta axuda “aquel anuncio de recuperación, polo que se ve, quedou en nada”. Ademais, os nacionalistas acusaron ao PSOE de hipocresía por “vender na prensa prazas de formación en talleres despois de desmantelar o centro de formación ocupacional” e requiriron ao equipo de Ramón García a aclarar se estes cursos, en caso de concederse, serían impartidos “a través de contratos á empresa privada”. “O PSOE ten que decidir que modelo defende, se os servizos públicos ou a privatización, non vale prometer unha cousa nos programas electorais e no goberno facer a contraria”, concluíu Del Río.

O BNG exixe ao goberno local que actúe ante a alarmante subida do desemprego