O BNG trasladará á Fiscalía as irrregularidades na compatibilidade dun traballador municipal
O goberno do PSOE está insultando á veciñanza cando di nos seus papeis que a persoa que leva a lancha do Concello desde hai anos nunca tal fixo.
O BNG advertiu de que documentos elaborados e asinados polo goberno local recoñecen que este operario leva anos sendo o responsábel da lancha municipal e a súa conducción.
Betanzos, 3 de abril de 2014. O BNG anunciou que poñerá en coñecemento da Fiscalía o acordo de PSOE e CxB para outorgar autorización ao conductor da embarcación municipal para guiar lanchas tamén no sector privado. A lei di que non se pode conceder compatibilidade para facer o mesmo traballo dentro e fóra da Administración, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O traballador está en todo o seu dereito a pedir o que estime oportuno e non ten a obriga de saber o que é legal e o que non, indicou o edil nacionalista. Quen ten que buscar o mellor para todas e todos dentro da legalidade é o goberno local, que é quen toma o acordo, engadiu. O BNG non ten ningún interese en ir contra ningún traballador do Concello, pero non pasa por que o goberno local pretenda tomar por parva á veciñanza, advertiu.
O goberno do PSOE está insultando á veciñanza cando di nos seus papeis que a persoa que leva a lancha do Concello desde hai anos nunca tal fixo, indicou Del Río. O goberno será o responsábel da súa proposta e o asesor xurídico do Concello será o responsábel de asinar un informe que non se axusta para nada á realidade como calquera veciño pode demostrar facilmente, asegurou.
O BNG advertiu, ademais, de que documentos elaborados e asinados polo goberno local recoñecen que este operario leva anos sendo o responsábel da lancha municipal e a súa conducción, como indican a RPT que o PSOE non conseguiu aprobar en 2012 e o Plan de Emprego que tamén acompañaba ao orzamento.
Sabemos ademais que este empregado municipal percibiu gratificacións e cobrou horas extra por conducir a lancha municipal, engadiu Del Río, que denunciou que unha vez máis o PSOE evitou achegarnos esta documentación no prazo que a lei di que ten que dárnola.
Advertimos no Pleno varias veces que o acordo era unha prevaricación porque a veciñanza e os documentos oficiais do Concello recoñecen que esta persoa xa leva a lancha, polo que non pode ser autorizado para competir co Concello na empresa privada, indicou Del Río. E a pesar diso, baseándose nun informe que non reflexa para nada a realidade, PSOE e CxB aprobaron este acordo co beneplácito do PP, asegura.
O BNG non vai ser cómplice das irregularidades do PSOE, como xa advertimos no Pleno, explicou o voceiro nacionalista. Por este motivo a militancia nacionalista decidiu en asemblea dar parte de todo este asunto á Fiscalía, concluíu.