O BNG trasladará ao Parlamento e ao Pleno as demandas da veciñanza de Talai
Mañá ás 20 h os nacionalistas manterán outra xuntanza coa veciñanza nun local municipal do recinto feiral de Bellavista para pechar ambas iniciativas.
Betanzos, 17 de marzo de 2015. O BNG manterá mañá ás oito do serán un novo encontro coa veciñanza de Talai para preparar unha moción sobre o problema que ten provocado no núcleo a instalación dunha fábrica. A intención é que a veciñanza que ve comprometido o seu descanso e a súa saúde poida falar directamente no Pleno grazas ao regulamento de participación cidadá, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Hai malestar polo ruído, polo fume e pola falta de información do goberno local sobre este asunto, engade. Nós como non pode ser doutro xeito apoiámolos en todo, acompañamos as súas mobilizacións e presentaremos unha moción sobre este asunto para que poidan levar as súas queixas ao Pleno, relatou.
Os nacionalistas xa levaron este asunto ao Pleno o pasado mes de outubro, cando alertaron de que a licenza de obra concedida era para reformar e ampliar unha nave existente para produción de labra para cama de animais pero a realidade é que se construíu unha nave completamente nova cunha cheminea de 12 metros e unha caldeira que provoca moitas molestias á veciñanza pola cantidade, cheiro e cor do fume que invade as vivendas e polos ruídos que se producen no seu funcionamento. Desde o BNG reclamaron ao goberno local medidas e prazos concretos para garantir o descanso, a saúde e a calidade de vida da veciñanza da contorna. O goberno local respondeu que todo estaba en orde e máis nada fixeron, explica Del Río.
O problema foi trasladado ao Parlamento de Galiza
O BNG comprometeuse a pasada semana coa veciñanza a trasladar o problema ao Parlamento de Galiza. Neste sentido, as deputadas Ana Pontón e Carme Adán e o voceiro do BNG na Cámara, Francisco Jorquera, interpelaron ao goberno galego para demandar que lle exixa á empresa a adopción de cantas medidas sexan necesarias para evitar estes impactos na veciñanza.
As parlamentarias do BNG alertaron, ademais, de que a Xunta concedeu, a través do IGAPE, unha axuda á empresa que instalou a factoría. Explican que a Audiencia Nacional elevou o pasado mes de decembro a contía desa axuda, outorgada para facer obra nova. Sen embargo, explican, a licenza municipal de obras foi concedida polo Concello de Betanzos o 8 de setembro de 2012 como reforma e ampliación dunha nave existente previamente no lugar.