O BNG critica que o goberno local prorrogara de novo o contrato da ORA
O pasado día 6 foi o aniversario da sinatura do contrato da ORA e, dado que o goberno non acordou dalo por finalizado, coa súa inacción o PSOE permitiu unha nova prórroga
Levan un ano sen facer nada mentres pagamos e non vai un euro ao Concello
Betanzos, 13 de marzo de 2015. O BNG denunciou que o pasado 6 de marzo tivo lugar unha nova prórroga tácita do contrato da ORA sen que o goberno local fixese nada para impedilo. Nós sostemos que non hai contrato dado que a lei prohibe taxativamente as prórrogas que non se aproben de forma expresa, pero o PSOE di o contrario explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. O pasado día 6 foi o aniversario da sinatura do contrato da ORA e, dado que o goberno non acordou dalo por finalizado, coa súa inacción o PSOE permitiu unha nova prórroga, explicou.
En febreiro e abril o Pleno debateu unha moción nosa para suprimir a ORA dado que non ingresa nada ao Concello desde hai anos recordou o edil nacionalista. E en decembro volvemos preguntar porque a única explicación que dera o PSOE era que estaban contando ticket a ticket a recadación dos últimos anos, engade. A empresa concesionaria non ingresou un só euro no concello desde hai 7 anos e o Concello non fai nada para obrigarlle a pagar. Se fose un veciño xa lle terían embargado a conta, criticou o portavoz do BNG.
Vai xa practicamente un ano desde que denunciamos a situación desta concesión e non se adoptou ningún tipo de medida para corrixila, engade. O que é peor, o goberno do PSOE mareou a perdiz todo un ano para manter esta situación, que a veciñanza siga pagando cada vez que aparca na zona azul e non vai nada para o Concello lamentou.
Levan un ano sen facer nada mentres pagamos e non vai un euro ao Concello
E non entendemos que o goberno local non só se resistise durante un ano a tomar inmediatamente as medidas necesarias para impedir que a concesionaria siga cobrando sen contrato en concepto de ORA senón que coa súa falta de acción permita que esta situación se manteña cando menos un ano máis, engaden desde o BNG.
Desde logo, parece evidente xa a estas alturas que neste asunto o PSOE non está defendendo os intereses da veciñanza, polo que terá que explicar ás claras a que xoga, engaden os nacionalistas. A veciñanza merece unha explicación pública por parte do goberno sobre todo isto, advertiu Del Río para exixir que o goberno explicase publicamente o asunto.
Os nacionalistas insisten en que a supresión da ORA sería unha medida beneficiosa para o pequeno comercio xa que mentres que as grandes superficies dan estacionamento gratuíto, para vir mercar a Betanzos hai que pagar por aparcar.