O BNG propón a participación veciñal nos premios Garelos e Meléndez de Texeda

O BNG propón a participación veciñal nos premios Garelos e Meléndez de Texeda

O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río, cun dos buzóns

“Xa que o goberno está a repensar a forma de conceder estes premios, propomos que estes premios sexan concedidos por votación de todos nosos veciños e veciñas. Unha decisión tan simple e fácil de tomar como esta daríalle un carácter verdadeiramente popular ao galardón”.

Betanzos, 2 de marzo de 2015. O BNG-Asembleas abertas solicitou hoxe na Comisión de Honras que o goberno municipal abra á participación veciñal tanto os premios Ursula Meléndez de Texeda como os premios Garelos. “Xa que o goberno está a repensar a forma de conceder estes premios e este ano parece que se van decidir na Comisión de Honras, o BNG-Asembleas abertas propón que estes premios sexan concedidos por votación de todos nosos veciños e veciñas. Unha decisión tan simple e fácil de tomar como esta daríalle un carácter verdadeiramente popular ao galardón”, argumentou Henrique del Río.

En caso contrario, sosteñen, "corremos o risco de que a xente perciba estes premios como un premio entre amigos, e o mellor para evitalo é que a veciñanza faga e vote as súas propias propostas". Desta forma, aseguran as nacionalistas, os premios responderán realmente ao recoñecemento social e non ao recoñecemento do goberno local ou dunha maioría plenaria.

“Defendemos a participación veciñal como unha forma de facer política, nas grandes decisións de lexislatura e tamén nas cousas do día a día”, explica o edil nacionalista Henrique del Río. “Abrir estes premios ou cambiar os das Balconadas para concedelos de xeito participativo é algo que non custa cartos nin require de ningún sistema sofisticado, é só vontade de facelo e acreditar na participación veciñal como forma de facer política”, conclúen.

 

O BNG propón a participación veciñal nos premios Garelos e Meléndez de Texeda