O BNG traslada ao Pleno as queixas veciñais co saneamento en Roibeira
Supoño que non hai que lembrar que augas abaixo de Roibeira está a captación de auga para a rede municipal e que canto non vai ao saneamento cae ao propio río
Betanzos, 7 de outubro de 2014. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local amañe os problemas do saneamento no núcleo de Roibeira, na parroquia de Bravío. A veciñanza de Roibeira trasladounos que o saneamento, malia estar rematado en boa parte do núcleo, non está en funcionamento e que, polo tanto, non poden engancharse á rede explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG reclamaron ao goberno do PSOE que explique os motivos polos que esta situación está a darse. Ademais, urxiron ao goberno local a definir prazos e medidas concretas para solucionar esta situación.
Supoño que non hai que lembrar que augas abaixo de Roibeira está a captación de auga para a rede municipal e que canto non vai ao saneamento cae ao propio río indicou o edil do BNG para ilustrar o alcance real do problema.
Ademais, os nacionalistas advirten que esta situación repercute tamén de forma negativa no medio ambiente. Gábanse todos os días con que somos parte dunha Reserva da Biosfera, pero despois non teñen reparos en manter fugas nos sumidoiros e verquidos aos ríos case que a diario, advirte Del Río. Pode a declaración de Reserva da Biosfera con todo como para que salten por riba das súas obrigas?, interpelou.