Del Río: García debe explicar de inmediato os correos da 'Pokémon' ou dimitir
Diante dun problema como este non se pode escorrer o vulto facendo como se non pasara nada, un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios
Betanzos, 4 de outubro de 2014. O BNG reclamou explicacións no Pleno sobre a aparición do nome e o correo electrónico oficial do alcalde no sumario da trama corrupta Pokémon que se fixo pública a pasada semana. Os nacionalistas lamentan que o alcalde do PSOE, Ramón García, fose incapaz de ofrecer unha explicación ao Pleno e se escudase na calada por resposta, como fai habitualmente o seu goberno.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, indicou que unha nova publicada a pasada fin de semana recollía varias informacións que afectan ao noso Concello e relataba unha serie de correos electrónicos entre o actual alcalde e un xefe de Aquagest-Viaqua. Neles fálase dun presunto tráfico de influencias para recomendar a contratación de unha ou varias persoas na empresa concesionaria do servizo municipal de traída e saneamento agregou.
Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao rexedor e ao PSOE que aclaren cal é a explicación de que existan estes correos electrónicos dentro do sumario da Pokémon. Interpelando directamente ao rexedor, Del Río reclamou que o PSOE aclarase se é certo que o señor alcalde utilizou o seu cargo para favorecer a uns veciños e outros non para a súa contratación pola concesionaria da auga.
Este caso está levantando grande preocupación social e a sensación de corrupción xeneralizada nesta comarca, indicou Del Río, xa que tamén figura novamente nas conversas intervidas aos procesados a alcaldesa de Bergondo, tamén do PSOE. Non entende o señor alcalde que a nosa veciñanza merece unha explicación pública? abundou o edil do BNG, que engadiu que se Ramón García non ten ningunha explicación de ofrecer, debería dimitir para non seguir mezclando o noso Concello nestes escándalos de corrupción.
Vai unha semana que apareceron estas preocupantes novas na prensa e o PSOE non explicou nada, vai case unha semana do Pleno e Ramón García continúa coa calada por resposta, denuncia o voceiro do BNG. Non pode agardar un mes para contestar estas preguntas nin esconderse detrás do funcionario que lea as respostas do goberno no vindeiro Pleno, ten que dar a cara e explicar por que figura o seu nome nestes termos, insiste. Diante dun problema como este non se pode escorrer o vulto facendo como se non pasara nada, un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios, advirte o portavoz municipal do BNG. Se non ten ningunha explicación que dar diante destas revelacións, ten que abandonar o cargo de inmediato, concluíu.