O BNG traslada ao Pleno a necesidade de amañar os locais de ensaio
“Desde o BNG botamos en falta a existencia de actividades específicas para dinamizar estes locais e ofrecer alternativas formativas e de lecer responsábel en torno a eles”
“Desde o BNG botamos en falta a existencia de actividades específicas para dinamizar estes locais e ofrecer alternativas formativas e de lecer responsábel en torno a eles”
Betanzos, 23 de setembro de 2016. O BNG trasladará ao Pleno as demandas da mocidade que utiliza os locais de ensaio que o Concello ten en Bellavista. Segundo as nacionalistas coñeceron por medio da organización xuvenil Galiza Nova, os locais contan con importantes deficiencias.
Así, indican que os locais adoecen dunha “deficiente insonorización” á que se suman outros problemas como “filtracións de auga cando menos nunha das dúas aulas e mesmo deterioro producido por roedores, o que implica tamén un problema hixiénico”. “Son deficiencias que, ademais de ser un perigo potencial para os usuarios, comprometen a conservación do recinto e os equipos e instrumentos, tanto públicos como particulares, que se empregan e depositan neles”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Por este motivo, trasladando a petición da mocidade, o Bloque propoñerá no Pleno que se corrixan as deficiencias que presentan os locais de ensaio. “Tanto estas que nos trasladaron como outras que poida haber, xa que a última actuación de relevo nas dependencias foi cando se insonorizaron hai xa dez anos”, indican as nacionalistas.
“Desde o BNG botamos en falta a existencia de actividades específicas para dinamizar estes locais e ofrecer alternativas formativas e de lecer responsábel en torno a eles” engaden as nacionalistas. Por este motivo, propoñerán igualmente ao goberno local levar adiante unha programación para dinamizar os locais de ensaio e ofrecer oportunidades aos grupos que os empregan.
“O BNG sempre defendeu que os grupos locais tiñan que ter un papel relevante na programación festiva e cultural do Concello, contando con eles para telonear ás formacións que se contratan para as festas”, explica Del Rio. “E que se debe contar con eles ao longo do ano, non só tirar man deles para cubrir un día a programación das festas patronais”, engade.