O BNG solicita que se valore ambientalmente a instalación da antena de Viraventos
O alcalde afirma hoxe que estaría cometendo unha prevaricación de non conceder a licenza. A ver se o PSOE pode dicir como lle chama a ter unha obra sen licenza diante dos fuciños e consentir que continúe a pesar das denuncias da veciñanza
Betanzos, 13 de decembro de 2012. O BNG solicitou esta mañá por rexistro que o Concello pida á Xunta de Galiza a avaliación ambiental do proxecto de construcción dunha antena de telefonía móbil antes de outorgar a licenza. Os nacionalistas argumentan esta solicitude apoiándose en varios dictames do Valedor do Pobo a algúns Concellos, onde o Valedor recomenda pedir este informe aínda que a Xunta alegue que non é preciso. Tamén achegan unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que vai na mesma liña.
No escrito rexistrado esta mañá, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, asegura que a construción da antena está a facerse sen a preceptiva licenza municipal de obras, como se desprende da lectura do expediente correspondente. Ademais, o edil nacionalista asegura que dúas denuncias dun veciño colindante e mais un informe da policía municipal que figuran no expediente advirten de que a obra se está a facer sen licenza e que non consta que se iniciasen, por parte dos órganos competentes do goberno local, as actuacións encamiñadas a paralizar e penalizar esta infracción.
Cando menos os antecedentes nesta materia son confusos, deixando moita discrecionalidade aos Concellos neste aspecto afirman desde o BNG no escrito, e polo tanto piden que se atenda ao principio de precaución ante os posíbeis efectos para a saúde das persoas e para o medio derivados das ondas electromagnéticas e vibracións producidas pola instalación e que a propia compañía recoñece no seu proxecto.
O alcalde afirma hoxe que estaría cometendo unha prevaricación de non conceder a licenza, lembrou Del Río. A ver se o PSOE pode dicir como lle chama a ter unha obra sen licenza diante dos fuciños e consentir que continúe a pesar das denuncias da veciñanza, ironizou. Ramón García ten que aclarar que intereses está a defender neste asunto, porque non parece que estea defendendo os intereses de Betanzos, concluíu.
Asemblea aberta para informar á veciñanza
O BNG convocou para o vindeiro luns día 17 unha asemblea aberta no local social de Saavedra Meneses. No acto, que se celebrará desde as 20:30 h, os nacionalistas reuniranse coa veciñanza para buscar alternativas conxuntas.