O BNG advirte da colocación dunha antena en Viraventos que segundo a veciñanza non ten licenza

A antena estase colocando a menos de 200 metros da igrexa dos Remedios
O BNG advirte da colocación dunha antena en Viraventos que segundo a veciñanza non ten licenza

“Había unha licenza para construír unha antena en Viraventos e cando os traballos xa se comezaran, cambiouse o emprazamento da mesma. O alcalde terá que explicar a que responde o cambio”.

Betanzos, 12 de decembro de 2012. O BNG advertiu sobre a colocación ilegal dunha antena de telefonía móbil no lugar de Viraventos. “O certo é que había unha licenza para construír unha antena en Viraventos e cando os traballos xa se comezaran, cambiouse o emprazamento da mesma”, asegurou o voceiro do BNG. “O alcalde terá que explicar a que responde o cambio”, indicou o edil nacionalista, “sobre todo tendo presente que os veciños e veciñas da zona aseguran que as obras están a se facer sen licenza”. “O goberno do PSOE ten que aclarar se está defendendo os intereses dos veciños e veciñas ou se defende uns intereses distintos”, insistiu.

“Non é a primeira vez que en Betanzos temos problemas coa instalación das antenas de telefonía móbil”, informou o voceiro nacionalista. “No caso da Lanza, falamos dunha antena sen licenza que o goberno do PSOE permitiu durante anos e que só a determinación do BNG fixo que fose retirada” explicou o edil nacionalista. “A permisividade do PSOE coas antenas de telefonía móbil é tal que Lagares e o actual alcalde, que era o seu concelleiro de Obras, Ramón García, permitían que se colocase outra antena na praza Francisco Blanco, que só freou a acción veciñal cunha recollida masiva de sinaturas e a determinación do BNG por forzar á empresa que a quería colocar a compartir a torre que xa existe no medio da cidade”, recordou. “E agora esa mesma permisividade volve, neste caso a Viraventos”, concluíu.

O BNG preguntou no Pleno o pasado mes de agosto se a antena de telefonía móbil que se está a instalar no lugar de Viraventos, na parroquia de Tiobre, ten algo que ver coa sentenza que obrigaba a France Telecom a retirar unha antena sen licenza no lugar da Lanza, tamén en Tiobre. O voceiro do BNG, Henrique del Río, denunciou que “catro meses despois, o goberno do PSOE segue sen nos respostar”.

A iniciativa do BNG pedía ao goberno local datos concretos sobre a retirada da antena ilegal da Lanza, pois a veciñanza da zona temía que o aparello emisor fose simplemente cambiado de lugar dentro da parcela, no canto de ser retirado, como ordenou o xulgado. “O goberno local respondeunos que solicitara á empresa información sobre se había máis dispositivos que os autorizados, pero aínda agardamos realmente por información ao respecto”, explicou Del Río.

O PP reivindica un logro do BNG que combatiu cando os nacionalistas gobernaron

Diante das manifestacións do PP sobre a antena da Lanza, o BNG lembrou que a orde de retirada da antena foi dictada polos nacionalistas cando tiveron responsabilidades de goberno na cidade “como as veciñas e veciños lembran perfectamente”. “O PP cuestionou esas actuacións no seu momento e pretende facer ver que a orde de retirada da antena dictada polo BNG foi cousa súa”, explicou Henrique del Río.

O BNG advirte da colocación dunha antena en Viraventos que segundo a veciñanza non ten licenza