BNG require ao Ministerio de Traballo a cesión gratuíta do edificio sindical de Betanzos para o seu uso social
Rego considera que non ten sentido que se exixa o pagamento por unha instalación que xa é pública e que se atopa en total situación de abandono.
Madrid, 12 de febreiro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas reclamando ao Ministerio de Traballo que ceda de maneira gratuíta o antigo edificio sindical de Betanzos para que o Concello de Betanzos o destine a usos sociais. Tras máis de dous anos de parálise na negociación entre executivo estatal e goberno municipal, a formación nacionalista interésase polo estado das mesmas e urxe a cesión gratuíta, posto que o edificio se levantou nun terreo propiedade do concello. A súa cesión e rehabilitación permitiría atender a necesidade de espazos públicos para uso social.
O Ministerio de Traballo ten a titularidade do antigo edificio sindical en Betanzos, infraestrutura construída en solo propiedade do concello e cedido de maneira gratuíta. Na actualidade, o inmóbel- conformado por dúas edificacións, unha de tres plantas e outra de dúas- atópase nun estado de total abandono, cun grave deterioro tanto no interior como nas fachadas.
“É unha demanda tanto social como institucional dedicar este edificio público abandonado ao servizo da cidadanía e o Ministerio debería facilitar que se poida dar un uso social a este inmóbel” subliña o deputado do BNG. Rego explica que, na actualidade, este edificio estase deteriorando progresivamente pola falta de uso polo que o executivo estatal debería optar “por unha cesión gratuíta ao concello, máis tendo en conta que o edificio se construíu sobre terreo municipal”.
Porén, o Ministerio continua a insistir en que a única vía de transmisión é a compravenda do inmóbel, así, en decembro de 2019, o goberno local de Betanzos anunciaba publicamente un acordo para comprar o edificio sindical, que levaba anos tapiado, e que se ía taxar para fixar o prezo de venda. Mais, case dous anos despois, segue sen coñecerse se existiu algún avanzo ao respecto nin cal é o estado actual das negociacións.
“O antigo edificio sindical de Betanzos, tanto polas súas características como pola localización xeográfica, cumpre os requisitos obxectivos para empregalo cun carácter social” reclama Rego.