O BNG condiciona o seu apoio ao PXOM a eliminar a urbanización en terreos inundábeis no Carregal
Amelia Sánchez: “Non vemos a necesidade de construír nesta zona inundábel, e aínda que sabemos que é complexo polos dereitos adquiridos pola xunta de compensación, pedimos ao goberno local unha solución que permita preservar un espazo verde á beira do Río Mendo. Esa é a liña vermella do BNG para poder apoiar o Plan Xeral”
Desde o BNG explicaron que grazas ás condicións recollidas no acordo de investidura co goberno local eliminarase ao Vial de Infesta e modifícarase a ordenación desta zona
Betanzos, 23 de marzo de 2023.- O BNG condiciona o seu apoio ao PXOM a eliminar a urbanización en terreos inundábeis no Carregal. “Por responsabilidade non podemos apoiar un planeamento urbanístico que sabemos que vai provocar graves problemas no futuro. As zonas a carón dos ríos, neste caso do Mendo, débense preservar como espazos naturais e non construír nestas zonas. Aínda tivemos Betanzos cheo de sacos de area o pasado fin de semana para intentar evitar as inundacións nas mareas vivas e co cambio climático a situación só vai empeorar”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“A proposta do goberno local incluía nesta zona vivendas elevadas sobre columnas de 2,30 metros. Desde o BNG pensamos que é un erro construír nesta zona, e aínda que sabemos que é complexo polos dereitos adquiridos pola xunta de compensación, pedimos ao goberno local unha solución que permita preservar un espazo verde á beira do Río Mendo. Esa é a liña vermella do BNG para poder apoiar o Plan Xeral”, engadiu Sánchez.
“O documento que o goberno local do PSOE acaba de enviar á Xunta para o estudo do seu impacto ambiental previo á aprobación provisional polo Pleno aínda permite neste momento realizar modificacións e esperamos, como xa lle trasladamos ao goberno e ao equipo redactor, que este punto se modifique antes de levalo a aprobación do Pleno”, indicou a voceira nacionalista. “Será o pleno na aprobación provisional o que resolva tamén as alegacións presentadas”, indicou.
“Este non é o PXOM do BNG, non é a ordenación urbanística ideal, pero por responsabilidade é un avance, sobre todo conseguindo corrixir as cousas máis agresivas, como as urbanizacións en altura en Infesta, o Vial que afectaba á veciñanza, ou a construción en zonas inundábeis, entendemos que por responsabilidade é a situación menos mala, sobre todo comparando coas últimas propostas que o PSOE levou a aprobación”, concluíu.
Modificacións na ordenación de Infesta
Desde o BNG explicaron que grazas ás condicións recollidas no acordo de investidura co goberno local eliminarase ao Vial de Infesta e modifícarase a ordenación desta zona. “Como se recolle no acordo de investidura co PSOE, elimínase o vial que afectaba a vivendas e veciñanza de Infesta e contémplase o núcleo rural. Mantéñense únicamente 14 mil m2 nun polígono de Solo Urbano Non Consolidado no que só se van permitir vivendas unifamiliares, non edificación en altura”, explicou a portavoz nacionalista.
Humanización da circunvalación á altura da entrada do Pasatempo
“A zona da circunvalación á altura da entrada do Pasatempo vaise humanizar e evitar o tráfico pesado, como outras das propostas do BNG á ordenación municipal. Isto recóllese ademais no plan director do Parque do Pasatempo e pensamos que é fundamental para evitar as vibracións e garantir a súa conservación, ademais de facilitar os accesos coa eliminación da pasarela”, concluíu Sánchez.