O BNG solicita que Betanzos non autorice espectáculos que supoñan un maltrato para os animais
A formación frontista rexistra unha iniciativa pedindo que o Concello non autorice espectáculos que sometan aos animais a tratos degradantes, sufrimento ou a morte, nos que se inclúen as touradas, os circos que empregan fauna silvestre e algunhas atraccións de feira.
Betanzos, 25 de xaneiro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Concello de Betanzos unha iniciativa para rexeitar os espectáculos que sometan aos animais a tratos degradantes, sufrimento ou a morte, nos que se inclúen as touradas, os circos que empregan fauna silvestre e algunhas atraccións de feira.
No texto da moción procúrase o apoio do concello á Declaración de Principios da Lei de Protección dos Animais, promulgada en 1993, a cal considera os animais como organismos dotados de sensibilidade física e psíquica e, polo tanto, suxeitos a gozar ou sufrir. Por este motivo, o BNG solicita que o Concello non autorice a realización de espectáculos e actividades que empreguen animais, e restrinxindo a publicidade dos mesmos nos medios públicos municipais.
O encontro mantido con representantes da Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber serviu ademais para amosar o compromiso dos concelleiros e concelleiras nacionalistas ás iniciativas a prol da fin de festexos cruentos e violentos cos animais, como aspecto no que xa traballan no Parlamento as deputadas Ana Pontón e Carme Adán ao integrarse nun integrupo de benestar animal baixo o nome EPDA (Espazo Parlamentar para a Defensa dos Animais).
A moción vai acompañada dun estudo elaborado por investigadores da Universidade de Bristol no que se detallan as problemáticas que sufren os animais salvaxes durante a cautividade nos circos e outros espectáculos itinerantes. Segundo este estudo, a fauna desenvolve diferentes problemas físicos e psíquicos que reducen a súa calidade e esperanza de vida. A escasez de normativa neste eido facilita un trato inadecuado e, en xeral, moi escaso, indicaron os edís do BNG.