O BNG propón crear un viveiro de empresas nas parcelas municipais de Piadela

O BNG propón crear un viveiro de empresas nas parcelas municipais de Piadela

“Unha opción para crear novas oportunidades de emprego para a veciñanza pasa por mobilizar as parcelas que o Concello ten no polígono de Piadela por medio da constitución dun viveiro de empresas”.

Betanzos, 24 de xaneiro de 2013. O BNG presentou unha moción que se debaterá no vindeiro Pleno solicitando do goberno local a creación dun viveiro de empresas na localidade, un compromiso que os nacionalistas adquiriron coa veciñanza nas eleccións municipais de 2011.

Segundo explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “o Concello conta a día de hoxe con varias parcelas no polígono industrial de Piadela”. Por este motivo, desde o BNG aseguran que “unha opción para crear novas oportunidades de emprego para a veciñanza pasa por mobilizar estas parcelas por medio da constitución dun viveiro de empresas”.

A proposta nacionalista suxire poñer a disposición dos emprendedores unhas instalacións de uso común onde se empracen salas de reunións ou servizos de comunicacións e outras salas destinadas a cada nova firma que se cree neste viveiro. “As novas empresas botarían un tempo no viveiro, até que se verifique a súa viabilidade, pagando unha pequena cantidade en concepto de cota de cesión de uso, para axudar a cubrir parcialmente os gastos xerais de funcionamento do viveiro, tales como luz, auga, climatización, limpeza, etc”, explican os nacionalistas.

Con esta iniciativa o BNG demanda do goberno local do PSOE “un papel activo na procura de novas oportunidades de emprego para as nosas veciñas e veciños”. “consideramos que se debe involucrar a maquinaria e recursos do Concello de Betanzos na potenciación de alternativas de autoemprego no noso municipio e en potenciar as posibilidades e poñer en valor os recursos que Betanzos ten para crear emprego”, indicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.

“No contexto actual, cunha crise económica cunhas consecuencias terríbeis para a maioría da sociedade, é imprescindíbel unha implicación dos concellos na redefinición do modelo produtivo, avanzando cara a un novo modelo económico que asegure o benestar para todas as persoas” aseguran os nacionalistas, que reprochan ao goberno local do PSOE que “non adopte medidas para combater o desemprego en Betanzos, que en decembro chegou aos 1214 veciños e veciñas”.

A proposta do BNG reclama ao goberno local que poña a andar esta infraestrutura para crear emprego en Betanzos e que conte, á hora de deseñar o viveiro e as normas que o rexan, coas entidades representativas de comerciantes, empresarios e persoas desempregadas.

O BNG presentou máis iniciativas para crear emprego en Betanzos

O viveiro de empresas súmase a outras iniciativas que defendeu o BNG no Pleno nos últimos meses para crear emprego en Betanzos, como foron o obradoiro de emprego no mercado municipal, o banco de locais comerciais- ridiculizado polos grupos da dereita no Pleno- ou a cesión das hortas a monte que o Concello ten para que persoas sen emprego poidan cultivar os seus alimentos.

Ademais, o BNG votou en contra dos orzamentos do PSOE entre outras causas porque prevén o centro de formación ocupacional do Concello, unha instalación que os nacionalistas cren que se debe potenciar no medio desta crise económica para ofrecer alternativas de emprego á veciñanza. Outros motivos foron a redución das bolsas de comedor e material escolar a a negativa do PSOE a incluír unha partida para bolsas para actividades extraescolares.

O BNG tamén propuxo descontos nas taxas municipais para comerciantes, autónomos e persoas sen emprego e o cobro da matrícula do conservatorio segundo criterios de renda. “Ningunha das nosas propostas foi recollida”, lembrou o voceiro nacionalista cando votaron en contra da suba de tributos promovida polo PSOE no Pleno.

O BNG propón crear un viveiro de empresas nas parcelas municipais de Piadela