O BNG demanda que se obrigue á concesionaria a manter en condicións a rede de traída e saneamento
Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano desprendese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación
Desde o BNG criticaron ao goberno que non valore outras propostas como recuperar o servizo para a xestión directa e se permita á empresa incumprir as condicións do contrato.
Betanzos, 25 de febreiro de 2015. O BNG presentou onte unha iniciativa no Pleno preocupándose polo estado da rede de saneamento e subministro de auga. Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano desprendese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Segundo os contratos que rixen estes servizos, o mantemento de ambas redes de canalización corresponden á empresa concesionaria, Viaqua, que explota e se lucra deste servizo público, informou o nacionalista. Porque non incluíron estes datos no informe que a iniciativa do BNG pediu o Pleno sobre estes servizos para valorar a súa remunicipalización?, cuestionou o nacionalista ao goberno local do PSOE.
Porque se consinte, sabendo isto, que a concesionaria as manteña nestas condicións?, criticou Del Río. Os veciños e veciñas pagamos todos os meses por un servizo de calidade, sen embargo, como xa temos denunciado as condicións do saneamento e da traída de auga deixan moito que desexar. Que ten pensado facer o goberno local do PSOE para solucionar esta situación? En que prazos? interpelou.
Na enquisa de infraestruturas e equipamentos locais da Deputación da Coruña do pasado ano despréndese que o 22% da rede de saneamento e o 14% das canalizacións de auga do noso concello está nun mal estado de conservación
Desde o BNG criticaron ao goberno que non valore outras propostas como recuperar o servizo para a xestión directa e se permita á empresa incumprir as condicións do contrato. As novas obras, o local e todos os outros gastos saen dos cartos públicos. O único que lle correspondería a empresa é o mantemento e, polo que parece, nin iso fai mentres acumula cantidades tremendas de beneficios a costa da veciñanza, abundou o nacionalista.
Queixas por fugas no saneamento
Aínda esta mañá toda a veciñanza podía ver unha fuga no saneamento que baixa do Coto, na estrada de Santiago, que saía cun chorro de medio metro de altura. A media mañá quedaba aínda fuga aínda que xa non a chorro. O grave é que é practicamente no mesmo sitio onde todo o ano pasado sufrimos continuas fugas e queixas dos veciños e veciñas da zona, indicou Del Río. O goberno local do PSOE ten que garantir que a empresa concesionaria presta o servizo nunhas condicións mínimas, concluíu.