O BNG reclamará no Pleno que o Plan DTC93 da Deputación se reparta cos criterios do POS
Co reparto imposto polo PP Betanzos perde un 18% dos fondos que lle corresponderían, que saen tamén dos impostos da súa veciñanza e que teñen que financiar servizos. Caixa de recursos audiovisuais e viveiro de empresas, propostas do BNG.
Betanzos, 24 de xaneiro de 2014. O BNG presentou unha moción para reclamar á Deputación que asigne os fondos do plan DTC93 cos mesmos criterios de reparto que utiliza para o Plan de Obras e Servizos. Co reparto imposto polo PP Betanzos perde un 18% dos fondos que lle corresponderían, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas advirten que, tal como está baremado, co DTC93 o PP impón uns criterios de reparto das axudas de xeito unilateral que benefician aos gobernos populares da Coruña, Ferrol e Santiago e que penaliza a concellos coma o noso.
Para que os gobernos do PP nas cidades reciban máis, Betanzos perde o 18% dos fondos que lle corresponderían, que saen tamén dos impostos da súa veciñanza e que teñen que financiar servizos
Neste sentido, o Bloque demanda ao PP que rectifique e aplique para o reparto dos 18 millóns de euros do Plan DCT93 os mesmos criterios que se recollen nos plans de obras e servizos (POS) da Deputación. Este plan ten unhas bases consensuadas por todos os grupos que permanecen sen cambios aínda que mude o goberno provincial e prima o equilibrio territorial e os concellos rurais de menos de 50.000 habitantes.
O cambio unilateral do sistema de reparto das subvencións feito polo PP implica que A Coruña recibe un 90% máis de fondos públicos do que lle correspondería aplicando os criterios consolidados no POS, Ferrol un 60% e Santiago un 45%. Para que os gobernos do PP nas cidades reciban máis, Betanzos perde o 18% dos fondos que lle corresponderían, que saen tamén dos impostos da súa veciñanza e que teñen que financiar servizos, explica o voceiro nacionalista.
O PP usa a Deputación para facer un reparto a medida de fondos públicos para tratar de beneficiar aos seus alcaldes nas tres grandes cidades, denuncia Del Río. Para atender a súa comenencia electoral válelle todo, mesmo ignorar criterios obxectivos de reparto e penalizar aos concellos que goberna no medio rural, engade.
Este plan DTC93 é unha proba máis de como o PP castiga á xente que vive nos pequenos e medianos concellos condenándoos a ver como se lle suprimen cada vez máis servizos, apunta o voceiro do BNG.
Ademais, os nacionalistas consideran que este reparto de fondos públicos imposto polo PP é unha mostra máis de que as deputacións teñen que desaparecer, polo seu funcionamento antidemocrático e por rexirse por criterios clientelares que escapan ao control do pobo.
Caixa de recursos audiovisuais e viveiro de empresas
Desde o BNG propoñen que se destine parte dos fondos deste plan da Deputación á adquisición de unha caixa de recursos que poidan ser usados no Cine Alfonsetti e outras salas baleiras que ten o Concello de forma que poidan ser utilizadas polo Concello e as entidades.
Ademais, os nacionalistas insisten na súa proposta de utilizar os fondos públicos que achega a Deputación para comezar o proxecto dun viveiro de empresas. Os nacionalistas, que xa levaron ao Pleno esta iniciativa, lamentan que o executivo do PSOE non a recollese para o Plan de Obras da Deputación.
Vai sendo hora de que o goberno se tome en serio o desemprego e busque alternativas para os 1185 veciños e veciñas sen emprego, indican. O máis caro do proxecto sería o solar, pero o Concello xa ten solo no polígono de Piadela, só falta a vontade política de destinar os fondos públicos a xerar emprego e riqueza en lugar de estragalos en ocorrencias e eventos gastronómicos, sinalan.