O BNG propón que veciñanza e entidades deseñen unha programación estábel para o Alfonsetti

O BNG propón que veciñanza e entidades deseñen unha programación estábel para o Alfonsetti

O grupo municipal do BNG no rexistro do Concello

“Sobran os dedos das mans para contar os actos celebrados no Cine desde que acabaron as obras da súa rehabilitación”. Os nacionalistas propoñen adquirir unha caixa de recursos audiovisuais que poidan ser usados nesta e outras salas baleiras que ten o Concello.

Betanzos, 23 de xaneiro de 2014. O BNG propoñerá no Pleno que asociacións e colectivos deseñen a programación do Cine Alfonsetti, actualmente sen uso. Os nacionalistas tamén demandarán que o Concello conte cun buzón de suxestións para recoller as propostas que veciñanza e colectivos teñan para dotar de contido unha sala baleira.

“Sobran os dedos das mans para contar os actos celebrados no Cine desde que acabaron as obras da súa rehabilitación”, indican os nacionalistas. “Despois de investir unha cantidade enorme de cartos públicos na recuperación do Cine Alfonsetti, resulta que non ten o equipamento audiovisual necesario para que conte cunha programación estábel”, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os únicos favorecidos dun negocio ruinoso para a veciñanza como foi a recuperación do cine foron os inquilinos

Desde o BNG denuncian que “os argumentos usados por PP e CxB para defender pagarlle 148 000 euros aos Pita caeron polo seu propio peso”. Recordan que “a dereita defendía pagar peaxe polo Alfonsetti para non perder cartos da axuda da Deputación e abrir canto antes o cine” pero que “a xustificación do convenio demostra que o Concello perdeu máis de 80 000 euros”. “Que o cine permaneza pechado e sen uso demostra ata que punto era falso que se pagaba a indemnización para abrilo canto antes” indica o voceiro nacionalista, que cre que “os únicos favorecidos deste negocio ruinoso para a veciñanza foron os arrendatarios”.

Desde o BNG censuran que o goberno do PSOE manteña “pechados e sen uso edificios pagados pola veciñanza”. Para isto, defenderán no Pleno que o Concello publique na web e no taboleiro municipais o calendario de eventos que acolle o Alfonsetti, a fin de que “se poida ceder o seu uso a outros colectivos cando estea baleiro”. Desta forma estaríase garantindo que “xa que o enorme investimento de cartos públicos xa está feito, polo menos daráselle ao Cine un uso que xustifique semellante gasto”.

Caixa de recursos para dotalo dos medios necesarios

Para que o cine conte coas prestacións necesarias para acoller unha programación “multidisciplinar” de maneira estábel, desde o BNG propoñen que se destine parte dos fondos do plan da Deputación á adquisición de “unha caixa de recursos que poidan ser usados nesta e outras salas baleiras que ten o Concello”.

Que o cine permaneza pechado e sen uso anos despois de rematar a obra demostra ata que punto era falso que se pagaba a indemnización para abrilo canto antes

“Con estes medios audiovisuais estaríase garantindo unha programación máis ambiciosa nos distintos locais sociais dos barrios e parroquias” explica Henrique del Río. “Con isto estaranse dinamizando os locais sociais que a veciñanza pagou e mantén e achegando determinadas propostas culturais ao maior número posíbel de veciñas e veciños”, engade.

Para todo isto, os nacionalistas propoñerán no Pleno que o goberno local, “xa que anda falto de ideas”, solicite ao Consello Municipal de Cultura unha proposta de actividades a desenvolver no Alfonsetti. “Para que levante o pano a máis tardar a vindeira primavera”, explica o voceiro nacionalista.

O BNG propón que veciñanza e entidades deseñen unha programación estábel para o Alfonsetti