O BNG reclamará no Pleno que as diferentes administracións deixen de usar herbicidas
Os nacionalistas propoñen como alternativas sostíbeis as rozas periódicas selectivas, e a plantación de de especies rastreiras autóctonas que limiten o crecemento das denominadas malas herbas.
Betanzos, 20 de xuño de 2013. O BNG presentou unha moción reclamando a goberno central, Xunta e Concello que poñan fin á utilización de herbicidas para controlar a vexetación de beiravías e espazos públicos. Henrique del Río e María Otero lembran na iniciativa que en moitas ocasións esta práctica por constituír un atentado contra o medio ambiente, prexudicar os cultivo e danar tamén as augas, porque os laterais das estradas serven para canalizar as augas pluviais, co cal os herbicidas son transportados aos ríos.
Desde o BNG advirten que produtores de uva e froitas denunciaron a mingua considerábel nas súas producións debido ao mal uso de herbicidas por parte das administracións ou concesionarias. Denuncian que o Ministerio de Fomento emprega un herbicida co potente MCPA que ten efectos prexudiciais nas colleitas e que isto obriga a labregas e labregos teñen que realizar un gasto extra para aplicar un tratamento intensivo nas súas plantacións para impedir a acción dunha substancia que xa parou o medre de moitas vides.
Desde o BNG cuestionan que tanto nos camiños como nas zonas verdes de titularidade municipal asistimos nas últimas semanas a unha campaña de fumigación indiscriminada dirixida polo goberno local. Del Río e Otero advirten de que a veciñanza ten denunciado xardíns medio queimados e camiños onde a broza, seca, queda a disposición de calquera incidente que poida rematar nun incendio forestal.
O goberno local do PSOE repite así as prácticas que lle criticaba ao goberno local do PP, que rexía Betanzos no anterior mandato critican. Carece de todo sentido avogar polo precintado e rexeneración de vertedoiros incontrolados se logo o propio goberno local desenvolve prácticas coma estas advirten, e chaman a atención sobre a hipocrisía que é arrogarse o mérito de conseguir a declaración de reserva da biosfera cando en dous espazos naturais protexidos pola Rede Natura se cometen prácticas coma estas de forma asidua.
Por este motivo, os concelleiros do BNG propoñerán ao Pleno que reclame de Xunta, goberno central e Deputación que poñan fin ao uso de herbicidas nas súas estradas. Desde o BNG indican como alternativas para estas administracións gobernadas polo PP, e tamén para o goberno municipal do PSOE, as rozas periódicas selectivas, e a plantación de de especies rastreiras autóctonas que limiten o crecemento das denominadas malas herbas.