O BNG lamenta que o PP queira gastar en cambiar os sinais de tráfico que están en galego
Os cartos estragados en cambiar os sinais porque ao PP non lle gusta que estean en galego non van ser destinados a políticas sociais ou de emprego, que son as prioridades da veciñanza.
Betanzos, 19 de xuño de 2013. En relación coas insinuacións do PP sobre a condea ao Concello a pagar uns sinais de tráfico, o BNG asegurou que se os técnicos municipais non estaban conformes co traballo desenvolvido pola empresa e non o avalaban coa súa sinatura para recibilo non entendemos que o PP tente culpar disto ao BNG.
Segundo o voceiro nacionalista, Henrique del Río, semella que o PP se alegra de que o Concello perda cartos nos tribunais. Os nacionalistas solicitan a PSOE e PP que deixen de botarse en cara uns a outros as sentenzas que colleitan e teñan a vontade de abandonar as prácticas irregulares que as provocan.
Os nacionalistas recordan, ademais, que o PP estivo catro anos no goberno municipal, nos que ben puido amañar este problema se tivese vontade. Semella que a súa preocupación non era amañar os problemas que tiña Betanzos, senón buscar máis trapos sucios do PSOE, ironiza.
Desde o BNG entenden que o PP tan só buscaba o seu propio beneficio con esta actitude. Se lles preocupase conter o gasto do Concello non terían solicitado no Pleno cambiar os sinais de tráfico que están rotulados en galego polo mero feito de estar en galego, apunta Del Río. Isto demostra ás claras cales son as prioridades do PP insiste, e advirte que os cartos estragados en cambiar os sinais porque ao PP non lle gusta que estean en galego non van ser destinados a políticas sociais ou de emprego, que son as prioridades da veciñanza.
O BNG non asiste á inauguración do hipermercado do Pasatempo
O BNG posicionouse en contra da ordenación urbanística imposta polo PSOE para o Pasatempo cando se aprobou. Isto incluía a construción dun hotel, centro comercial e hipermercado na beira mesma do río Mendo, nunha actuación que os nacionalistas cuestionaron desde o punto de vista urbanístico, legal e ambiental. Coherentemente, o BNG non asistirá ao acto de inauguración previsto para esta tarde. Entendemos que eses terreos públicos á beira do río tiñan que ter outro uso e non acoller unha pantalla que prive do río á veciñanza, remarcan.