O BNG reclama que se poña fin a un verquido na estrada de Santiago
Xa trouxemos varias veces esta cuestión a Pleno e a única actuación do executivo foi enviar ao GRUMIR a limpar a beirarrúa para borrar as marcas
Betanzos, 8 de setembro de 2014. O BNG levou ao Pleno un verquido de auga que invade a beirarrúa e parte da calzada no Camiño da Estación, á altura do cruzamento co camiño do Coto. Os nacionalistas advirten que o verquido procede de algunha canalización que provoca que desde hai máis de ano e medio flúa auga pola beirarrúa- imposibilitando o seu uso- e por parte da calzada, co conseguinte risco para peóns e tránsito rodado.
Segundo advertiu a nacionalista María Otero no Pleno, a dicir da veciñanza, por días o cano emite cheiro desagradábel. A isto hai que sumar, advirten, os danos que pode estar causando este rego baixo a propia vía pública.
Desde o BNG lamentaron que xa trouxemos varias veces esta cuestión a Pleno e a única actuación do executivo foi enviar ao GRUMIR a limpar a beirarrúa para borrar as marcas. Por este motivo exixen ao goberno do PSOE que aclare por que só acometeu a limpeza e non a reparación das canalizacións deterioradas que provocan o verquido.
Esta situación comezou a darse en maio de 2013 e o goberno do PSOE non toma medidas, denunciou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que alertou de que mesmo se producen caídas entre persoas que transitan por esta entrada á cidade. Ademais, insiste en que se o verquido procede da rede de saneamento pode mesmo afectar á saúde das persoas que transitan e residen na zona, un número elevado tendo presente que aí mesmo están a residencia de anciáns e un colexio de educación especial.
Para os nacionalistas, é lamentábel que o goberno do PSOE non solucione este tipo de situacións. Desde logo non parece que estean polo labor de solucionar os problemas da xente, parece que teñen outros intereses, aseguran.
Desde o BNG recordan os problemas recorrentes co subministro de auga e os numerosos episodios de fugas da rede de saneamento que, malia os beneficios da concesionaria, continúan sen repararse. Amañar as canalizacións non, pero cobrar ben que cobran co visto bo do PSOE, conclúen.