O BNG reclama que se sinalice o paso de peóns entre a Porta da Vila e os Soportais
O estacionamento en dobre fileira, sobre beirarrúas e vados e mesmo en prazas peonís como o propio Campo é unha constante desde que o PSOE entrou a gobernar, se non queren aplicar a ordenanza de tráfico que a derroguen.
Betanzos, 4 de abril de 2014. O BNG demandou no Pleno que o goberno local adopte medidas para garantir o paso seguro de peóns no cruce das rúas Porta da Vila, Ferradores e Fonte de Unta. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Otero, había un paso de peóns, que está sen sinalizar e é practicamente invisíbel.
Segundo os nacionalistas, a esta situación de escasa visibilidade do paso axudan ademais os numerosos vehículos que estacionan día tras día nese entorno, complicando o paso dos peóns. Por este motivo, desde o BNG ironizan se esta é outra zona de párking express das que anuncia o goberno local.
Desde o BNG, que recolleron queixas veciñais sobre este tema para levalas ao Pleno, engaden que o pavimento de chapacuña precisa de continuas reparacións que sufragan os cartos da veciñanza, polo que preguntaron ao executivo do PSOE se estudou o goberno local a súa substitución. Neste sentido, reclamaron do goberno local, que criticara o pavimento desa zona cando estaba na oposición, que concrete a alternativa escollida e os prazos que prevén para solucionalo.
O estacionamento en dobre fileira, sobre beirarrúas e vados e mesmo en prazas peonís como o propio Campo é unha constante desde que o PSOE entrou a gobernar, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG reclaman ao goberno local que faga cumprir a ordenanza de tráfico ou a derrogue porque incumprir e facer gala de que se incumpre unha ordenanza ralla a prevaricación.