O BNG reclama no Pleno que as bolsas para libros de textos sexan en función da renda
Por terceira vez no actual mandato, o BNG volverá a propoñer no Pleno que se cree unha liña de bolsas para actividades extraescolares.
Betanzos, 23 de setembro de 2013. O BNG reclamará no Pleno que as bolsas que concede o Concello de Betanzos sexan repartidas segundo criterios de renda e non, como agora sucede, que cada solicitante perciba unha cantidade liñal sen ter en conta a súa situación económica. As bolsas para material escolar son de 80 euros por solicitante e a contía da bolsa unha vez concedida non é progresiva, é a mesma sexa cal sexa a renda da persoa beneficiaria, explican os edís nacionalistas Henrique del Río e María Otero.
Esa axuda debera ser progresiva para garantir o acceso a maiores fondos por parte dos que menos teñen indican desde o grupo municipal do BNG. Os nacionalistas cuestionan que, coas bases que se levan empregando anos, o máximo de renda permitido para poder optar ás bolsas é demasiado baixo.
A modo de exemplo, indican que unha familia de dous pais e un cativo, poderían ter como máximo uns ingresos totais de 1170 euros mensuais para poder optar á axuda, senón están directamente excluídos. Isto quere dicir que un dos adultos non pode ter ningún tipo de ingresos, porque senón supera a renda máxima a partir da cal non pode optar á axuda explican, e engaden que a unha familia cun dos seus membros desempregado e sen ningún tipo de ingreso 80 euros non lle solucionan nada.
Con respecto ao pasado curso, no mes de agosto o goberno local do PSOE anunciou que incrementa os fondos, pero resulta que o máximo de renda para pedir estas axudas segue sendo o mesmo aseguran Del Río e Otero. As bases aprobadas polo goberno local do PSOE prevén que a cantidade sobrante non se reparte entre os solicitantes censuran.
Os nacionalistas aseguran que utilizar como indicador da capacidade económica dunha familia a declaración da renda do ano anterior xenera distorsións. E cuestionan que, mentres nas bases do goberno local se puntúa o alugueiro da vivenda, a hipoteca da vivenda habitual non desconta á hora de medir a renda. Os gastos na vivenda habitual deberan desgravar en calquera caso xa que é un ben básico, aseguran.
Desde o BNG tamén cuestionan que o goberno do PSOE exclúa destas axudas aos escolares censados na localidade pero que acuden ao colexio fóra do termo municipal sexa por motivos laborais ou de outra índole. E malia plans de igualdade propagandísticos, a orde de axudas non contemple a situación das vítimas de violencia machista aseguran.
Propoñen que as axudas se establezan en función de criterios progresivos de renda e outros criterios sociais (vítimas de violencia machista, colectivos en risco de exclusión social, alumnado de Betanzos en centros públicos ubicados noutros concellos, contemplar a hipoteca da vivenda habitual, ...) en todas as bases de convocatorias municipais de axudas.
O BNG reclama de novo unhas bolsas para actividades extraescolares
Ademais, e por terceira vez no actual mandato, o BNG volverá a propoñer no Pleno que se cree unha liña de bolsas para actividades extraescolares. A ser posíbel agora que comeza o curso, non vaia ser que o PSOE as convoque en agosto, como as de material escolar, ironizou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.