O BNG reclama no Pleno o amaño das beirarrúas nos Ánxeles
No BNG consideramos que co control dos estacionamentos irregulares en vados, dobre fila ou sobre beirarrúas e medianeiras acabaríase co principal problema de tráfico que ten Betanzos.
Betanzos, 5 de xuño de 2012. O BNG levou a Pleno as queixas dos veciños e veciñas da zona dos Ánxeles e a Cañota polo estado dunha beirarrúa do barrio. Segundo indicou a edil nacionalista María Otero, a única beirarrúa existente nun tramo da rúa dos Ánxeles presenta un estado de conservación moi deficiente debido ás tarefas de carga e descarga que se producen sobre ela.
O BNG reclama ao goberno local que repare esta beirarrúa xa que é a única con que conta un tramo desta transitada rúa, o que repercute negativamente na seguridade dos peóns.
A situación agrávase, ademais, polo estacionamento irregular que se produce na rúa, indican desde o BNG. No BNG consideramos que co control dos estacionamentos irregulares en vados, dobre fila ou sobre beirarrúas ou medianeiras acabaríase co principal problema de tráfico que ten Betanzos, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. "Hai unha ordenanza de tráfico en vigor, mais non se aplica", indica o edil do BNG, que considera que "se non lle gusta ao goberno do PSOE, que a cambie ou a derrogue, pero mentres tanto ten que aplicala".
Os nacionalistas consideran que coa aplicación da ordenanza de tráfico, ademais de evitar o deterioro das beirarrúas co estacionamento indebido, tamén se frea o deterioro das rúas peonís do Casco Histórico. "A situación actual, onde o goberno local non aplica as normas que hai, crea unha sensación de inseguridade ou de 'todo vale' que prexudica á xente", sosteñen desde o BNG.