O BNG reclama no Congreso 1 millón de euros para recuperar a ría de Betanzos
Os nacionalistas reclaman 1 400 000 euros para actuacións de mellora da seguridade viaria nas estradas estatais N-VI e N-651 ao seu paso polos concellos da comarca das Mariñas.
Betanzos, 9 de novembro de 2012. O BNG presentou unha emenda aos orzamentos do Estado para reclamar un millón de euros para actuacións medioambientais na ría de Betanzos. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, explicou que o ano pasado conseguimos que esta demanda histórica do BNG aparecese recollida nas contas do Estado, pero como temiamos quedou en propaganda. Os nacionalistas reproban que o PP non destinase un só euro en 2012 para poñer en valor a ría de Betanzos e reclaman que se inclúa unha partida dun millón para convertir a ría en fonte de riqueza e emprego.
O BNG pide un millón de euros para realizar melloras na seguridade viaria da N-VI
As deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, reclaman ao goberno do PP outra partida dun millón de euros para realizar melloras na seguridade viaria da N-VI, que atravesa os concellos de Aranga, Coirós, Betanzos e Bergondo na área brigantina provocando problemas de seguridade en varios núcleos, como Colantres, A Angustia ou Cortiñán.
A esta cantidade os nacionalistas suman outros 400 000 euros para actuacións de mellora da seguridade viaria na N-651, que atravesa tamén os concellos de Bergondo, Betanzos, Paderne e Miño no seu percorrido pola comarca brigantina.
400 000 para mellorar a seguridade viaria na Ribeira e a Ponte Vella
Nas dúas estradas, os gobernos do PSOE e do PP no Estado esqueceron as súas obrigas cos veciños e veciñas ao obrigalos a convivir diariamente con travesías perigosas, escudándose en desculpas de mal pagador para non mellorar a súa calidade de vida, explica o voceiro do BNG en Betanzos.
O BNG reclamou no Pleno que Xunta e Estado asuman as súas obrigas na Ribeira
As emendas do BNG aos orzamentos do Estado súmanse á moción que os nacionalistas presentaron no Concello de Betanzos para reclamar ao PP que cumpra o seu compromiso cos veciños e veciñas da Ribeira. O PP comprometera hai un ano un investimento de 3 millóns de euros que as contas da Xunta e o Estado non recolleron até a data. Por este motivo, segundo explica Del Río o Concello acordou reclamar a Xunta e Estado que inclúan nos seus orzamentos cartos para esta actuación que prometeron e non cumpriron.
Os nacionalistas advirten que se o goberno de Rajoy tivese vontade de facelo durante 2012, os orzamentos do Estado tiñan unha partida para actuacións ambientais na ría de Betanzos. Sen embargo, o PP deixouna sen tocar cando podían ter comezado xa a cumprir a súa promesa electoral, lembra o voceiro nacionalista.