O BNG aposta por un banco de locais para crear emprego no comercio
"A función principal deste banco de locais é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan un local, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso deses baixos por parte do Concello".
Betanzos, 8 de novembro de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, recolle no seu último número un artigo no que o voceiro do BNG, Henrique del Río, explica a nosa proposta dun banco de locais para dinamizar o comercio. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.
Un banco de locais para dinamizar o comercio
No BNG entendemos que o comercio é un sector estratéxico para a nosa cidade. Por este motivo entre os compromisos adquiridos coa cidadanía en maio de 2011 están impulsar o centro comercial aberto e limitar o establecemento de grandes superficies comerciais, para non danar o pequeno comercio.
Recentemente, o goberno de Rajoy aprobou medidas que entendemos que suporán o tiro de graza para o pequeño comercio. Entre elas, a suba do IVE, que fará diminuír o consumo, a suba do IRPF para as persoas autónomas e a liberalización de horarios comerciais, un premio para as grandes áreas comerciais que, á vez, atenta directamente contra o pequeno e mediano comercio.
É preciso un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio de Betanzos
Diante desta situación entendemos que é preciso un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio de Betanzos. Así, no último Pleno propuxemos crear un banco de locais comerciais baleiros e en desuso, tanto propiedade do Concello como de particulares, que se oferten en réxime de aluguer accesíbel. Esta medida revitalizaría o sector, ao igual que aconteceu noutras cidades e vilas onde se levou á práctica esta proposta.
A proposta, sacada do programa de goberno que o BNG presentou en maio de 2011, é aplicar a filosofía dunha bolsa pública de vivenda en alugueiro, dun viveiro de empresas ou do Banco de Terras de Galiza ao pequeno comercio, un sector clave para a economía betanceira. A función principal deste banco de locais é a de dinamizar e mediar entre as persoas propietarias e aquelas que precisan un local, así como dar garantías, confianza e seguridade na xestión e no uso deses baixos por parte do Concello.
Para acadar este fin, o Concello tamén podería poñer en marcha medidas de estímulo complementarias para que propietarios de baixos baleiros inclúan os seus locais no banco, como descontos nalgúns tributos municipais. É necesario levar a cabo políticas fiscais desde as distintas administracións (Concello, Xunta de Galiza e Goberno central) en beneficio do sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios.
Entendemos que esta proposta permitiría dinamizar a actividade comercial do Casco Histórico, que concentra cantidade de baixos comerciais baleiros. Sumando este banco a unha política de dinamización comercial e á instalación de mobiliario urbano nas rúas comerciais o Concello estaría contribuíndo a xerar oportunidades de emprego na nosa cidade.
Sumando este banco a unha política de dinamización comercial e á instalación de mobiliario urbano nas rúas comerciais o Concello estaría contribuíndo a xerar oportunidades de emprego na nosa cidade.
Por este mesmo motivo propuxemos incluír nos orzamentos municipais fondos suficientes para crear un plan de dinamización do comercio. No BNG cremos lamentábel que o PSOE pense que todo o que se pode facer para dinamizar o comercio está feito coa semana do pincho e a da tortilla. É sintomático que o goberno do PSOE preferira gastar en festas que en impulsar o comercio. Á vista está que non ten ningún plan nin ideas para revitalizar un dos sectores clave na economía de Betanzos.