O BNG reclama melloras na praza Pepito Arriola
Parece mentira a deixadez do goberno local en temas de puro trámite coma estos. Aínda recibindo queixas da veciñanza non mostra ningunha intención de solucionalo obrigando a denuncialo nos medios de comunicación para que lles dean solución.
Betanzos, 2 de novembro de 2012. O BNG levou ao Pleno as queixas dos veciños e veciñas da praza Pepito Arriola, na zona nova da cidade. Como explicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río, a veciñanza ten manifestado as súas queixas porque os vehículos entran na praza peonil por un camiño situado na traseira dos edificios e estragan a zona axardinada, ademais de lixar o resto da praza.
Por este motivo, e a pedimento dos veciños e veciñas da zona, o BNG solicitou no Pleno a instalación de bolardos ou algún outro dispositivo que impida que os coches accedan á praza e a estraguen. De igual forma, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, reclamou ao goberno local que fixe prazos concretos para cumprir con esta demanda veciñal.
Ademais, os nacionalistas advertiron que cando chove a praza queda chea de auga e terra procedente do camiño situado na parte posterior. Por este motivo, solicitaron ao goberno local que solucione o problema para que a praza non quede inutilizada. Os veciños e veciñas suxiren colocar un pequeno reborde que evite isto, apuntou o edil nacionalista.
En ambos casos, segundo puido saber o BNG, son problemas que a veciñanza xa trasladou anteriormente ao equipo de goberno do PSOE, pero que o executivo de Ramón García non atendeu. Parece mentira a deixadez do goberno local en temas de puro trámite coma estes, engadiu Del Río, aínda recibindo queixas da veciñanza non mostra ningunha intención de solucionalo obrigando a denuncialo nos medios de comunicación para que lles dean solución. Resulta unha actitude penosa por parte dun goberno local que está percibindo un salario con cartos de todos para solucionar os problemas dos betanceiros e betanceiras.
O BNG denunciou tamén no Pleno que varias bocas de riego, en diferentes zonas da cidade, están inutilizadas e reclamou do goberno do PSOE que tome medidas para poñerlle solución a esta situación o antes posíbel.