O BNG pide no pleno o compromiso do PP na Xunta e no Estado para acabar coas enchentes
O BNG exixiu ao PP que cumpra as súas promesas electorais e inclúa a obra nos orzamentos da Xunta e do Estado para 2013.
Betanzos, 31 de outubro de 2012. O Pleno de Betanzos aprobou onte, a instancias do BNG, reclamar ao goberno central e ao galego o financiamento necesario para executar o proxecto para reducir o impacto das enchentes do Mandeo no barrio da Ribeira. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, recordou que en febreiro de 2011 o goberno local, daquela do PP, anunciaba a súa colaboración co goberno galego, para executar un proxecto redactado polo goberno central a fin de paliar os efectos das enchentes do Mandeo no barrio da Ribeira, que os conservadores cifraban en 3 millóns de euros de investimento.
Malia reiterárense as promesas de investimentos na campaña das eleccións municipais por parte de concelleiros e conselleiros do PP, o certo é que os orzamentos da Xunta para 2012 non incluían ningunha partida denunciou. Del Río indicou que nos orzamentos do Estado de 2012 e no proxecto das contas para o 2013 o goberno de Rajoy tampouco prevé ningunha contía para esta actuación. Mesmo deixaron sen executar tamén a partida xenérica sobre actuacións ambientais na ría de Betanzos, de contía claramente inferior á fixada polo PP betanceiro na campaña das eleccións municipais, denunciou o edil do BNG.
O voceiro do BNG recordou que segundo PSOE e PP, técnicos de consellerías e ministerios aseguran que a situación na Ribeira é revertíbel e que, polo tanto, a actuación tantas veces prometida pode mitigar os efectos do desbordamento do Mandeo, que os nacionalistas vencellan máis á situación en que se atopan a ría e os ríos e mais os sucesivos recheos practicados.
O BNG lamentou que PSOE e PP teñen utilizado este asunto recorrentemente nas sucesivas campañas electorais, defendendo ou esquecendo esta problemática en función do goberno de turno en Madrid e que con estes anuncios que nunca se cumpren se están creando falsas expectativas á veciñanza. Por este motivo, o Pleno acordou, sen o respaldo do PP, instar á Xunta e ao goberno central a contemplar nos orzamentos de 2013 as cantidades necesarias para sacar adiante esta actuación.
Del Río: "co seu cruce de insultos PSOE e PP están a faltarlle á veciñanza"
O BNG lamenta o ton de recriminación continua e as faltas de respecto entre a voceira do Partido Popular e os concelleiros e concelleiras do PSOE, que o voceiro nacionalista recriminou onte no Pleno ao PSOE. Na opinión do portavoz do BNG, Henrique del Río, non se pode permitir que no Pleno dun Concello se chegue ao insulto persoal, porque non se faltan entre eles os edís do PP e o PSOE, están faltándolle ao respecto á cidadanía e mais ao Concello. Debera darlles vergonza o espectáculo que están ofrecendo aos betanceiros e betanceiras que lles pagamos as dietas entre todos para que asistan ao Pleno, concluíu.