O BNG reclama a limpeza do entorno do río dos Pelamios
O goberno local non quere aprender: tiveron que readmitir a varios empregados aos que lles obrigaban a facer traballos diferentes aos cometidos propios do GRUMIR e seguen na mesma.
Betanzos, 13 de febreiro de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local limpe e manteña adecuadamente o entorno do río dos Pelamios, en Caraña. A concelleira nacionalista María Otero indicou que as escaleiras que unen a rúa de Saavedra Meneses co río dos Pelamios están moi descoidadas, ao punto de que a veciñanza advertiu de varias caídas ocasionadas polo verdín e o musgo que acumula a zona.
Por este motivo, os nacionalistas urxiron ao goberno local do PSOE que garanta a seguridade dos usuarios desta pista limpando o camiño. Desde o BNG reclamaron ao executivo local que explique cando ten pensado efectuar esta limpeza e se van botar man do uso irregular do persoal do GRUMIR, como veñen facendo nos últimos tempos.
O goberno local pon aos empregados a facer funcións diferentes as que lles corresponde
Os nacionalistas denunciaron que a veciñanza de diversos puntos do municipio trasladaron aos nacionalistas que os operarios do GRUMIR continúan a facer traballos que non lles corresponden, como limpeza de rúas, camiños e beiravías en distintos puntos do concello. O alcalde e o seu goberno non queren aprender: tiveron que readmitir a varios operarios aos que lles obrigaban a facer traballos diferentes aos cometidos propios do GRUMIR e seguen na mesma, lamentou o voceiro do BNG, Henrique del Río, os traballadores do GRUMIR teñen unhas funcións e o que está facendo o concello e abrir a porta a novas denuncias ao actuar en fraude de lei.
Os nacionalistas explicaron que esta era unha práctica habitual durante o goberno do PP e agora co goberno do PSOE, continúan na mesma liña que criticaron na oposición. Hai anos que vimos denunciando a política de persoal no Concello e puxemos alternativas concretas enriba da mesa, pero o PSOE preferiu continuar coas mesmas prácticas do PP, coma noutros temas, en lugar de buscar unha solución, explicou Del Río.