O BNG exixe ao goberno local que rectifique e cobre o IBI á Igrexa

O BNG exixe ao goberno local que rectifique e cobre o IBI á Igrexa

“Se se lle pide esforzo aos veciños e veciñas que peor o están pasando, non vemos por que hai que permitir a institucións que non teñen problemas económicos estes privilexios".

Betanzos, 8 de febreiro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local que rectificase na súa negativa de cobrarlle o IBI á Igrexa polas propiedades que posúe no municipio e que non son nin edificios de culto nin patrimonio histórico. “En maio do ano pasado o PSOE votou en contra dunha moción do BNG neste sentido, asegurando que non era legal cobrar o IBI á igrexa católica”, lembrou a edil nacionalista María Otero no último pleno.

O BNG informou no Pleno dunha sentenza avalando que se cobre o IBI á Igrexa por este tipo de bens no Concello de Allariz. Unha sentenza que “crea un precedente” e que permite aos concellos cobrar os impostos sobre as leiras e propiedades da igrexa “alleas á celebración do culto”.

Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno do PSOE que “reconsidere” a súa postura e criticáronlle que manteña a actual situación de “privilexios á Igrexa xa que é unha discriminación cara os demais veciños e veciñas”.

O PP pretendía bonificar á igrexa na taxa do cemiterio

O BNG manifestou a súa oposición a incrementar os privilexios da Igrexa en Betanzos co desconto do 95% da taxa de cemiterios para entidades relixiosas que o PP reclamou. “Se se lle pide esforzo aos veciños e veciñas que peor o están pasando, non vemos por que hai que permitir a institucións que non teñen problemas económicos estes privilexios”, asegurou no Pleno o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Aínda nos parece mais escandaloso que o PP en lugar de bonificar aos desempregados ou as persoas que perden a súa vivenda pretenda que pague menos impostos aínda a Igrexa que non ten problema económico ningún”, abundou.

A proposta do PP quedou sobre a mesa para informe dos técnicos municipais e o goberno local do PSOE non a volveu levar ao Pleno para tomar o acordo que procedese. “Non entendemos por que se lle quita ao Pleno o dereito a coñecer os informes e decidir sobre esta emenda ás ordenanzas fiscais”, indicou o edil do BNG.

A Intervención municipal no seu informe descualifica a proposta de non cobrar a taxa de cemiterios ás entidades relixiosas porque é unha “bonificación non amparada na legalidade vixente”. O informe advirte de que a pretensión do PP “vulnera o principio de igualdade”. “O PP non vía reparo en forzar a legalidade para ampliar aínda máis os privilexios da Igrexa e que os mesmos de sempre sigamos pagando os pratos rotos da crise”, reprochan os nacionalistas á vista do informe.

O BNG exixe ao goberno local que rectifique e cobre o IBI á Igrexa