O BNG reclama a limpeza do entorno da fonte dos Ánxeles
Para sacar o lixo que enche o lavadoiro, que se acumula contra os muros e que acaba no cauce do río non fai falla máis que poñer un pouco de vontade
Betanzos, 16 de xaneiro de 2015. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que limpe e manteña en condicións axeitadas o entorno da fonte dos Ánxeles, que presenta un estado lamentábel.
En 2012 presentamos esta iniciativa no Pleno e, a pesar de que o PSOE respondeu que solucionara este problema, o certo é que a maleza ten comido boa parte do entorno e os desperfectos levan anos sen amañar, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. En 2013 volvimos a reclamar que se reparase a fonte e o entorno e se limpase o lixo que se acumula alí e o PSOE volveu dicir que xa actuarían sobre a fonte cando fixesen o paseo pola beira do Mandeo até os Caneiros, recorda o edil nacionalista.
A recuperación da fonte dos Ánxeles e o seu entorno non está incluída no novo proxecto dese paseo faraónico á beira do Mandeo que pretende sacar adiante o goberno do PSOE, engade o concelleiro do BNG. E para sacar o lixo que enche o lavadoiro, que se acumula contra os muros e que acaba no cauce do río non fai falla máis que poñer un pouco de vontade, lamenta.
Para o BNG, a situación da fonte dos Ánxeles vai na mesma liña de deixadez en que se atopa o patrimonio do concello, indican. Continuamente recibimos queixas da veciñanza por estas situacións, que a pesar de boas palabras, o goberno local non atende, insiste Del Río.
Na mesma situación que a fonte dos Ánxeles están outras moitas fontes tradicionais, algunhas con valor patrimonial como a da Cangrexeira , advirten. En lugar de atender o patrimonio histórico e artístico que temos e que é o fai diferente a nosa cidade, o goberno do PSOE quere estragar máis de medio millón de euros en desmontes e pasarelas de madeira á beira do río, cuestionan os nacionalistas.