O BNG reclama instalar inmediatamente ramplas nos edificios municipais para garantir a accesibilidad
A iniciativa do BNG inclúe tamén que o Concello se dirixa á Xunta para reclamar que garanta o acceso das persoas discapacitadas ao transporte público.
Betanzos, 26 de abril de 2014. O BNG presentou para o seu debate no Pleno do vindeiro martes unha moción na que reclama ao goberno local que execute de xeito urxente un plan de accesibilidade para que persoas con mobilidade reducida poidan acceder aos edificios municipais.
Os nacionalistas recordan que o Concello de Betanzos ten numerosos exemplos de edificios públicos que non son accesíbeis, empezando polas propias oficinas administrativas do Edificio Arquivo e seguindo por moitas outras dependencias municipais como o Conservatorio, escola infantil municipal, Policía Local,.... Insisten en que moitos destes edificios foron remodelados hai menos de 30 anos e naquela altura os gobernantes non pensaron nas persoas con discapacidade para poñer ascensores e eliminar outras barreiras de acceso.
Houbo que colocar os ascensores posteriormente e cun investimento adicional, e en moitos casos resultou ser un gasto inútil xa que o acceso aos ascensores ou ramplas resultaba de igual modo imposíbel para as persoas con mobilidadade reducida engade Henrique del Río.
A iniciativa do BNG inclúe tamén que o Concello se dirixa á Xunta para reclamar que garanta o acceso das persoas discapacitadas ao transporte público. A Xunta consinte en que non haxa autobuses accesíbeis para estas persoas, de forma que se ven obrigadas a avisar con dous ou tres días de antelación á empresa para tratar de utilizar este medio de transporte explica Del Río.
Mesmo se dan casos nos que autobuses rotulados co distintivo do transporte accesíbel en realidade teñen o espazo que debera estar destinado a estas persoas con mobilidade reducida ocupado con asentos engade o voceiro nacionalista, que se comprometeu a trasladar ao Pleno as necesidades deste colectivo. As persoas afectadas teñen presentado queixas ante a Xunta, mais o goberno do PP non viu importante nin darlles resposta nin garantir os seus dereitos, forzándoas a recorrer ao Valedor do Pobo, explica.
Os nacionalistas trasladaron todos estes problemas tamén ao Parlamento de Galiza, para reclamar á Xunta que cumpra a Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU e garanta o seu acceso aos servizos públicos. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, acompañou a un grupo destas persoas nunha concentración celebrada hai unhas semanas para reclamar o seu dereito a acceder ao transporte público e comprometeuse a trasladar todos estes problemas ao Concello e ao Parlamento.
Isto sucede porque os gobernantes fan deixadez das súas funcións neste tema porque o entenden como un problema privado, en lugar de velo como o que en realidade é, velar por que toda a veciñanza teña exactamente os mesmos dereitos explica o edil nacionalista. No BNG pensamos que hai que dar pasos adiante reais para garantir a dignidade e independencia destas persoas e por iso propoñemos estes acordos que non sendo solución a todos os problemas que sufren diariamente, si serían un paso adiante conclúen.