O BNG reclama ao PSOE que aparque os seus intereses electorais para defender o partido xudicial
Jorquera anunciou que o BNG pedirá no Parlamento que a Xunta presente recurso de anticonstitucionalidade se o goberno español tramita o proxecto de lei de reforma da xustiza por invadir competencias de Galiza.
Del Río: Pedimos ao PSOE que teña a xenerosidade de antepoñer os intereses da veciñanza ás súas comenencias electorais.
Betanzos, 25 de abril de 2014. O BNG anunciou hoxe que demandará da Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade se o goberno central leva adiante o proxecto de lei de reforma da xustiza que suprime os partidos xudiciais. Así o asegurou esta mañá Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, calificando a reforma do PP como unha barbaridade froito do seu delirio centralista.
O deputado nacionalista, que compareceu acompañado de edís e responsábeis do BNG de todo o partido xudicial betanceiro, advertiu que a reforma da xustiza vai na mesma liña que a contrarreforma da administración local. Jorquera asegura que ambas reformas buscan reforzar o modelo obsoleto das provincias.
Se o PP está tan a favor de manter o partido xudicial de Betanzos, cando a señora Faraldo chegue a votar a nosa iniciativa ao Parlamento de Galiza non se olvide de canto ten dito aquí
O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza explicou, ademais, que esta reforma invade as competencias de Galiza xa que o Estatuto, no seu artigo 20.2 establece que corresponde a Galiza fixar a delimitación das demarcacións territoriais dos órganos xurisdicionais, tendo en conta entre outros criterios os límites dos tradicionais partidos xudiciais e as características xeográficas e de poboación do país.
Este é un novo paso cara unha xustiza para ricos advertiu Francisco Jorquera. Atenta contra o dereito a unha tutela xudicial efectiva, dificulta e encarece o acceso á xustiza e quen máis o padecerá son quen menos recursos teñen, engadiu.
Coa reforma de Gallardón os partidos xudiciais pasarán a ser sedes desprazadas da demarcación provincial, polo que recibirán asuntos en función das necesidades organizativas do tribunal provincial, polo que podería ser que asuntos de Betanzos sexan tratados na sede desprazada de Corcubión, explicou.
Pedimos ao PSOE que teña a xenerosidade de antepoñer os intereses da veciñanza ás súas comenencias electorais
Jorquera e Del Río coincidiron en que esta reforma non ten en conta a realidade territorial deste país. Co transporte público que padecemos os costes para ir á Coruña á Xustiza medrarán considerabelmente, por non falar das taxas, engadiu o voceiro do BNG na cabeza do partido xudicial.
O PP pretende vender como positivo suprimir o partido xudicial complicándolle a vida a 79 000 persoas de 17 concellos, sen sumar o centro penitenciario de Teixeiro, abundou Henrique del Río. Ademais, tememos a destrucción de postos de traballo, directos e indirectos, que a supresión do partido xudicial conlevará, sobre todo en Betanzos, explicou. A reforma supón tamén reducir aínda máis o papel de Betanzos como cabeceira comarcal e cidade de servizos, engadiu.
Por todo isto, os nacionalistas apostaron por chegar a un acordo coas restantes forzas do Concello para ofrecer unha postura unitaria como mellor defensa dos servizos públicos na comarca e como a mellor forma de presionar a Xunta e goberno español na defensa do partido xudicial.
O voceiro do BNG explicou que remitiron unha proposta ao goberno do PSOE para negociar o documento conxunto pero que tivemos que enterarnos polos medios de comunicación que o alcalde excluía ao BNG do consenso. Segundo Del Río isto aconteceu a pesar de que o alcalde asistira a unha xuntanza convocada polo alcalde nacionalista de Carballo e quedara en darnos conta do que alí se tratou, cousa que non sucedeu.
A pesar desto nós seguimos apostando polo consenso e por tratar de negociar un acordo, partindo do noso punto de vista, porque cremos que o máis intelixente é chegar a un acordo para defender o patido xudicial, explicou. Pedimos ao PSOE que teña a xenerosidade de antepoñer os intereses da veciñanza ás súas comenencias electorais, afirmou.
Os nacionalistas tamén reclaman ao PP que se tan a favor están de manter o partido xudicial de Betanzos, cando a señora Faraldo chegue a votar a nosa iniciativa ao Parlamento de Galiza non se olvide de canto ten dito aquí. Jorquera insistiu en que os deputados e deputadas do PP deberan votar no Parlamento e o Congreso nesa mesma liña e non facer o que fixeron cando se votaron as nosas iniciativas sobre a fraude das preferentes, que votaron nos Concellos e o Parlamento a favor e no Congreso abandonaron aos estafados, concluíu.