Del Río: A participación é a chave para cambialo todo
A parte máis importante do discurso do BNG-Asembleas abertas foi a dedicada á creación de emprego e aos servizos públicos
O BNG-Asembleas abertas presentou hoxe a súa candidatura para as eleccións municipais chamando á participación para conseguir un cambio en Betanzos.
Betanzos, 3 de maio de 2015. O BNG-Asembleas abertas presentou hoxe a súa candidatura para as eleccións municipais chamando á participación para conseguir un cambio en Betanzos. Todas e todos temos que facer, para cambiar as cousas temos que participar todas e todos os betanceiros. A participación é a chave para cambialo todo, asegurou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. Pero non se pode participar e propoñer sen ter información. Por iso aos partidos do sistema, PSOE e PP, lles molesta. Por iso gobernan de costas a nós e non queren que saibamos, para que non poidamos mudar nada.
O nacionalista defendeu que todos e todas teñamos voz cando se fale do Plan Xeral. Que se pregunte sobre todo a quen nunca é escoitada ao falar destas cousas e non só aos especuladores. Que calquera poida saber en que gasta o Concello, canto cobra o alcalde ou en que condicións foi contratada calquera empresa soamente visitando o web municipal.
A parte máis importante do discurso do BNG-Asembleas abertas foi a dedicada á creación de emprego e aos servizos públicos. En toda esta lexislatura o número de persoas desempregadas en Betanzos non baixou de mil ningún mes. Somos trece mil veciños e veciñas, mil desempregadas é unha cifra insostíbel que non se soluciona con procesións e festas do pincho, indicou o candidato nacionalista.
Queremos remunicipalizar a traída e o saneamento e que sexa o Concello quen xestione directamente as piscinas e o polideportivo
A nosa prioridade é frear a emigración xuvenil, facer retornar ás persoas que tiveron que ir buscar fóra as oportunidades que aquí non hai e facer diminuír o desemprego feminino, moi superior ao masculino, engadiu Del Río, quen apostou polo Casco Histórico como motor económico de Betanzos. Crear un instrumento público para rehabilitar vivenda, porque no Casco Histórico pode vivir xente. Crear un banco de locais comerciais, porque nos baixos hoxe baleiros pode traballar xente. Crear espazos de coworking, un viveiro de empresas e unha cooperativa de crédito cuns principios éticos, para dar financiamento a estes novos negocios.
Queremos remunicipalizar a traída e o saneamento e que sexa o Concello quen xestione directamente as piscinas e o polideportivo. Estamos decididas a acabar coa privatización dos servizos municipais, empezando polos parques e xardíns, o cemiterio e o servizo de obras. E desde logo o noso compromiso é recuperar o Hotel San Roque para facer un xeriátrico público e acabar coa ORA, asegurou del Río.
No acto que presentou Mariña Longueira interviñeron ademais do candidato á alcaldía, Henrique del Río, Xavier Campos, membro da executiva nacional do BNG, e Teresa Rivera, Carlos Díaz, Andrés Otero e Encarna Vidal, participantes no grupo do BNG-Asembleas abertas.