O BNG reclama información sobre o cambio de titularidade do hotel municipal de Bellavista

O BNG reclama información sobre o cambio de titularidade do hotel municipal de Bellavista

O hotel e o estacionamento da rúa Rosalía de Castro

Malia ser unha concesión municipal, o estacionamento soterrado e o hotel da rúa Rosalía de Castro non figuran na relación de concesións que ten en vigor o Concello na conta xeral de 2012.

Betanzos, 7 de novembro de 2013. O BNG pediu ao goberno local do PSOE que explique “por que non se informou á Corporación do cambio de titularidade na explotación do hotel de Bellavista”, situado nun edificio de titularidade municipal. Os nacionalistas entenden que “sendo un edificio e unha concesión municipais, o mínimo era que o goberno local dese conta do proceso en que o edificio está inmerso desde hai un ano”.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, recordou que “hai xusto un ano tivemos que levar o asunto ao Pleno, cando detectamos que a Seguridade Social ía sacar a concesión a poxa”. O edil nacionalista indica que “daquela, como agora, tivémonos que enterar pola prensa do que acontecía con estes edificios do Concello”. Desde o BNG entenden que unha cuestión tan importante coma esta tiña que ser trasladada aos representantes da veciñanza en canto o goberno local tivese coñecemento.

Para os nacionalistas resulta “escandalosa” a falta de información do goberno local do PSOE neste asunto. Hai un ano, a resposta dada polo PSOE foi que “a Seguridade Social ten embargada a concesión e van celebrar unha poxa dentro dun proceso de apremio”. “Isto xa se sabe desde o momento en que aparece publicado o anuncio de que a van subhastar” ironiza, “o PSOE non ofreceu ningún tipo de información sobre este tema”.

Hai xusto un ano tivemos que levar o asunto ao Pleno, cando detectamos que a Seguridade Social ía sacar a concesión a poxa e daquela, como agora, tivémonos que enterar pola prensa do que acontecía con estes edificios do Concello

Ademais, desde o BNG recordan que malia ser unha concesión municipal, o estacionamento soterrado e o hotel da rúa Rosalía de Castro non figuran na relación de concesións que ten en vigor o Concello na conta xeral de 2012. “Preguntamos a que se debía isto e non o explicaron” recorda Del Río. Os nacionalistas indican que tampouco localizaron o pagamento do canon anual pola explotación do inmoble na conta do 2012. “Xa que a taxa dos caixeiros vai cobrada coas de ocupación de vía pública, se cadra este canon vai incluído na taxa dos vados permanentes”, ironiza.

“Cando fumos ver o expediente ao Concello, o último documento era de hai uns dez anos”, explica o voceiro do BNG. “Tanta falta de información dá moito que pensar”, ironiza. Os nacionalistas piden explicacións ao goberno local do PSOE sobre se o Concello foi informado desta poxa e se o goberno local e que órgano do mesmo autorizou este cambio de titularidade. “Temos que entender con esta actitude que o goberno está a defender uns intereses que non son os da veciñanza?”, concluíron desde o BNG.

O voceiro do BNG, Henrique del Río, lembrou que no ano 97 o BNG votou en contra da operación que acabou co asilo en mans privadas e co polémico aparcamento soterrado da rúa Rosalía de Castro. “Ambos inmobles foron entregados a mans privadas polo PSOE por 75 anos a cambio dunha renda de 600 euros ao ano e 4 prazas de estacionamento”, recordou. “Estes son os negocios ruinosos en que meteu o PSOE ao Concello de Betanzos e á vista está como veu funcionando o complexo”, indicou.

O BNG reclama información sobre o cambio de titularidade do hotel municipal de Bellavista