O BNG advirte de que o PSOE podería ter prevaricado por manter 3 operarios do GRUMIR sen subvención
María Faraldo ten que dimitir dos seus cargos como concelleira e deputada. Betanzos non merece este tipo de representantes, e por desgraza o actual alcalde parece que quere seguir o exemplo dela.
Betanzos, 6 de novembro de 2013. O BNG advertiu no Pleno de que o goberno local do PSOE podería estar cometendo unha prevaricación ao manter tres operarios do GRUMIR a pesar de que a Xunta desmantelou o servizo de GRUMIR e suprimiu as subvencións desde decembro de 2012.
Supoñemos que os mantén o Concello con fondos propios, pero non sabemos de onde saen os cartos xa que non se modificou o orzamento indicou a nacionalista María Otero. Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno do PSOE que aclare como é que seguen contratados se non están creadas as prazas na relación de postos de traballo (RPT) nin houbo ningún proceso selectivo para eles.
Hai un informe do asesor xurídico no que se recoñece que isto é unha ilegalidade, pero non nos consta que o goberno local actuase para solucionar esta situación ilegal, denunciou. Xa dixemos máis veces que incumprir unha lei a sabendas ten un nome, prevaricación, advertiu.
Desde o BNG chamaron a atención sobre a distinta forma de proceder do goberno local diante deste caso e do despedimento dos operarios do anterior GRUMIR. Por que se actúa así neste caso en concreto e teñen aínda dous operarios do anterior GRUMIR na súa casa?, interpelou.
Os nacionalistas advirten que estes operarios están a realizar cometidos que non teñen nada que ver coas tarefas propias dun GRUMIR. Isto xa acontecera tamén co anterior GRUMIR, lembra o voceiro do BNG, Henrique del Río, e despois de tratar de ocultalo publicamente, o goberno do PSOE foi condenado a readmitir aos seus operarios.
Os nacionalistas exixiron no pleno que o executivo aclare o motivo deste proceder á vista dos informes que advirten da situación ilegal. Non entendemos se é que o goberno premeditadamente prepara a demanda por contrato en fraude de lei, porque outra explicación non hai, asegurou María Otero no Pleno.
Por este motivo, o BNG reclamou ao goberno do PSOE que practique por unha soa vez sequera esa transparencia da que tanto alardea e diga que está buscando con tantas irregularidades. Quen vai pagar os pratos rotos de tanta irresponsabilidade é a veciñanza, ei so o BNG non o vai tolerar, asegurou Del Río. O BNG reclama ao executivo que poña solución aos problemas de persoal do Concello cunha nova RPT despois de que fracasase a que quixeron impoñer por decreto.
Faraldo debe dimitir
Os nacionalistas advirten ao PSOE de que tantas irregularidades e ilegalidades cometidas a mantenta non van saír gratis. Neste sentido, Henrique del Río recomendou ao goberno local que tome nota de a onde levaron as irregularidades cometidas na contratación de persoal á anterior alcaldesa.
A Fiscalía ven de pedir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que xulgue a María Faraldo por prevaricación e falsidade documental nas súas contratacións de persoal recordou o voceiro do BNG. Diante desta nova, o BNG considera que Faraldo ten que dimitir dos seus cargos como concelleira e deputada. Betanzos non merece este tipo de representantes, e por desgraza o actual alcalde parece que quere seguir o exemplo de Faraldo, lamentou.