O BNG reclama que o goberno local explique os criterios que sigue para denegar o uso do Matadoiro
Non ten sentido investir un montón de cartos nuns locais e que despois non se faga nada para que teñan actividade e queden baleiros ou case sen uso.
Betanzos, 10 de maio de 2013. O BNG exixiu no Pleno que o goberno local do PSOE aclare por que a algunhas persoas e colectivos se lles permite o uso do Matadoiro para algunhas festas privadas e para outras non. Segundo a concelleira nacionalista María Otero, isto alimenta todo tipo de sospeitas de tratos de favor entre unha veciñanza que non oculta o seu malestar.
Desde o BNG reclaman ao equipo de goberno que fagan públicos os criterios que se están aplicando e como se tramitan estas solicitudes para autorizar ou denegar o uso do Matadoiro para este tipo de eventos.
Parécelles lóxico manter un local municipal para facer festas privadas e ceas? interpelou María Otero sobre o fin que lle ten asignado o goberno local ao Matadoiro. Hai meses o BNG tamén pediu explicacións ao goberno do PSOE polo feito de que a metade da planta superior do Liceo estea ocupada todo o ano por un Belén de Nadal. Este local público podería ter moitos usos, pero está cedido todo o ano sen que se lle aplique o regulamento de uso dos locais sociais nin a ordenanza fiscal de aluguer da aula de cultura ou o salón azul, recordan. Ademais, o responsábel desta instalación ten chave da porta do edificio, onde tamén se atopan as oficinas administrativas do Concello, advirten.
O goberno local do PSOE non garante que toda a veciñanza teña acceso en igualdade de oportunidades aos locais sociais construídos con cartos de todas e todos, asegurou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas insisten en que a actitude irregular do goberno local xera un agravio entre entidades e colectivos ao aplicar o regulamento a uns si e outros non e ten provocado incluso problemas de relación entre a veciñanza.
O BNG solicita que se cumpra a ordenanza reguladora dos usos dos locais para que todas as asociacións e colectivos poidan facer uso en igualdade de oportunidades dos locais públicos que se manteñen con cartos de todos. Son locais que todos e todas mantemos e, polo tanto, todos temos dereito a usalos e para iso están. Non ten sentido investir un montón de cartos nuns locais e que despois non se faga nada para que teñan actividade e queden baleiros ou case sen uso, indicou o voceiro do BNG.
Na mesma liña, acusan ao goberno local do PSOE de ter mentido no Pleno cando afirmaron que estaban solucionados todos os problemas nos locais municipais. É certo que o conflito veciñal provocado pola inhibición do goberno local en Tiobre tivo amaño, pero hai outras moitas problemáticas, indican os nacionalistas. Por non falar de que nin solucionaron a cesión irregular do local de ACEBE feita polo PP nin deron explicacións sobre cantas entidades ocupan locais de propiedade municipal sen que fosen legalmente autorizadas, advirten.
Do mesmo xeito, os nacionalistas reclamaron ao goberno local que cumpra a súa moción para fomentar o traballo en rede do tecido asociativo betanceiro. O pleno apoiou unha moción do BNG na que se propuña crear unha caixa de recursos de propiedade municipal e gratuítos no seu uso como equipos de son e proxección, cámaras, Ademais, tamén se aprobou impulsar unha programación formativa para asociacións e colectivos ao longo do curso, acorde coas súas necesidades (contabilidade, impostos, subvencións, creación de asociacións, ). Con estas medidas, desde o BNG entenden que se estaría apoiando o traballo dos distintos colectivos.